A Xunta modifica o proxecto da PO-552 e manterá o acceso ao tráfico na rúa Barreiras

O candidato popular á Alcaldía de Nigrán, Carlos Abal, visitou con técnicos da Xunta de Galicia a PO-552 ao seu paso pola Ramallosa, máis concretamente á altura da rúa Barreiras, para analizar in situ a modificación do proxecto de reforma deste viario de titularidade autonómica, que contemplaba a creación dunha rotonda para mellorar a seguridade viaria e reducir a sinistralidade neste punto quilométrico.

Inicialmente, o proxecto contemplaba a creación dunha rotonda que cortaba o tráfico á rúa Barreiras e, deste xeito, o acceso aos veciños deste viario da Ramallosa. “Os veciños dirixíronse ao actual goberno municipal para pedir unha solución, pero a resposta do alcalde socialista foi que reunisen firmas para evitalo”, afirman desde o PP.

“Fronte á pasividade do goberno municipal, o candidato popular si que celebrou unha serie de reunións con técnicos da Xunta de Galicia para analizar posibles alternativas que resolvesen este inconveniente. Unhas reunións que xa deron os seus froitos, cunha modificación do proxecto que resolve o problema de cotas que dificultaba a execución desta rotonda, mantén o tráfico inalterado da rúa Barreiras e mellora a seguridade viaria e peonil da contorna”, destacan os populares.

O candidato popular mostrouse satisfeito coa modificación exposta pola administración autonómica, a quen agradece a disposición para atopar unha mellor solución ao proxecto de reforma da PO-552. “O deixamento do alcalde socialista é tal que non conseguiu en máis dun mes algo que desde o grupo popular de Nigrán temos resolvido en cuestión de días”, conclúe Abal.

2019-04-06 - Carlos Abal se reúne con vecinos de la rúa Barreiras y asociacion vecinalB