Tras o concurso público no que se sacaron os 8 postos dispoñibles na Praza de Abastos, o Concello de Baiona adxudica 4 deles co fin de dar máis movemento ao mercado municipal. No día de hoxe recibíronse no Concello para facer efectiva a firma do contrato a 3 dos 4 adxudicatarios, que está previsto que empecen a súa actividade na praza o próximo 10 de abril.
Os novos postos compóñense dunha carnicería, unha froitería, unha florería e un posto de delicatesen, cos que se busca, xunto cos outros 6 xa ocupados, dinamizar o consumo na Praza de ASbastos e fomentar a actividade comercial. Con este proceso queda ocupado aproximadamente o 70% da Praza de Abastos e desde o grupo de goberno traballarase para sacar nun futuro os postos dispoñibles e que quede cuberta ao 100%, que é o principal obxectivo.
Ángel Rodal móstrase satisfeito xa que con isto implántanse novos negocios que supoñen postos de traballo de nova creación, á vez que se axuda a reactivar este mercado tradicional, totalmente remocicado e situado nunha zona privilexiada no centro neurálxico de Baiona. Agradece a participación por parte dos novos empresarios e anímalles a que sigan colaborando co Concello e actuais praceiros, para emprender campañas que dean promoción aos seus negocios, como se viña facendo ata agora, para entre todos facer da praza un lugar de encontro.

