Máis de 5.500 corredores tomarán a saída da Vig-Bay

O Auditorio da Sede Central de ABANCA acolleu este xoves a presentación oficial do XX Medio Maratón e I Maratón Gran Bahía Vig-Bay EDP, que se celebrará este domingo 7 de abril. O acto contou coa presenza dos Alcaldes de Vigo, Nigrán e Baiona, Abel Caballero, Juan González e Ángel Rodal, o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e Eduardo Vieira por parte da organización, así como representantes de Abanca e EDP, patrocinadores do evento.

A proba, que está incluída no circuíto de carreiras Run Run Vigo, conta con 5.500 inscritos, dos que ao redor de 1.000 son mulleres, chegados de Galicia e do resto de España, así como dunha vintena de países. 1.271 participarán no Maratón, cuxa saída será ás 8:15 desde a Avda. de Samil. Ás 10:50 será a quenda dos participantes con diversidade funcional e 10 minutos máis tarde, ás 11:00, comezará o Media Maratón. O obxectivo, completar os 42.195 metros ou 21.097 metros entre Vigo e a meta situada na Rúa Elduayen de Baiona, pasando por Nigrán.

A Vig-Bay comezou a súa andaina no ano 2000 con 613 corredores inscritos, e nesta edición de 2019 xa se superan os 5.500 atletas, un 800% máis que hai 20 anos.

Anuncios