A Asociación de Promotores Inmobiliarios de Pontevedra (Aproin) outorgou os XXV premios aos mellores edificios construídos en 2018 na provincia de Pontevedra, á nave e edificio corporativo de Ecoforest Geotermia, a un edificio de vivendas na rúa Manuel Nuñez 19 de Vigo e á rehabilitación e reforma do edificio corporativo de Interatlantic Fish, na rúa Concepción Arenal 1 de Vigo.
As análises de todas as edificacións e os premios finais, foron decididos polo xurado integrado por Luis Espada Recarey (presidente) e os vogais Javier de la Puente Crespo (enxeñeiro industrial), Javier Rivas Barros (arquitecto), Rubén Inchaurraga Ruiz (arquitecto), Antonio Carballo Couñago (arquitecto técnico) e actuando como secretario o avogado Carlos Coadas-Guzmán Larraya.
O obxectivo dos premios Aproin ao longo dos seus 25 anos de historia é o de poñer en valor a promoción inmobiliaria de calidade, recoñecendo os proxectos e execucións de construción mellor desenvoltos durante cada ano na provincia de Pontevedra.
Tras analizar as propostas presentadas, despois das pertinentes visitas ás promocións, da análise da documentación achegada e as oportunas deliberacións, o xurado escolleu este ano como Premio Aproin 2018 á mellor actuación inmobiliaria residencial á empresa promotora e construtora Bamarti, S.L. polo edificio de vivendas situado na rúa Manuel Núñez nº 19 de Vigo. A dirección de obra foi realizada conxuntamente por Alfredo Varela Nogueira e Jorge Ciro García, xunto coa colaboración do arquitecto Gustavo Alvarez-Valdés.
O Premio Aproin 2018 á mellor edificación non residencial é para a empresa Ecoforest Geotermia, S.L., polas súas novas instalacións situadas no polígono de Porto do Molle en Nigrán, realizando a obra a empresa Construtora Civis Global e sendo o autor do proxecto Miguel Vázquez Rodríguez, de Esteo Enxeñeiros.
E no apartado de mellor rehabilitación, o Premio é para a empresa Interatlantic Fish, S.L.U. do grupo kabak Investimentos, na rúa Concepción Arenal nº 1 de Vigo, un edificio que foi construído no ano 1899 polo arquitecto Michel Pacewick, e no que agora se realizou unha espectacular reforma da man do arquitecto Pedro de la Puente Crespo e como director executivo da obra Javier Pozo Fidalgo. A empresa construtora foi Civis Global.
Os premios serán entregados o 11 de abril, ás 19.00 horas, no Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo. Ao acto asistirán 200 empresarios, profesionais do sector e autoridades autonómicas e locais. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, será o encargado de entregar as distincións.
Aproin é unha asociación empresarial e profesional que integra a un gran número de empresas promotoras e do sector inmobiliario da provincia, baixo a presidencia de Javier Garrido Valenzuela.

