O Centro de Educación Especial de Panxón presentou este mércores o seu proxecto “De Panxón ao Ceo”, que consistirá no lanzamento da súa propia sonda estratosférica ao espazo. O director do centro, Rafael Lores, destacou que ademais do obxectivo “evidentemente didáctico e educativo”, o máis importante é que os alumnos e alumnas teñan contacto coa sociedade civil de Nigrán e do Val Miñor. A idea é lanzalo desde Chandebrito a finais do mes de maio, “como unha homenaxe a toda a xente que traballou e que sufriu durante moito tempo por recuperar o noso monte”, lembrando os incendios sufridos pola parroquia o 15 de outubro de 2017.
A idea xurdiu o ano pasado tras unha visita dos alumnos do CEE de Panxón ás instalacións de Meteogalicia, onde lanzan todos os martes un globo cunha radiosonda para recoller datos meteorolóxicos. “Aquel día non puidemos lanzar a radiosonda, pero puxéronnos un par de vídeos, e os mozos quedaron enganchados co tema e miramos que era unha boa oportunidade para poder traballar no noso centro”, lembrou Óscar Prego, profesor de Bioloxía e director do proxecto.
Mentres o globo de helio ascenda a sonda irá recollendo datos, captando todo o que suceda con tres cámaras, ata que a falta de presión provoque a súa explosión e o artefacto caia. Para evitar a rotura do aparello, que podería alcanzar os 33.000 metros de altura en dúas horas, levará incorporado un paracaídas, para que despois, con axuda dun GPS, os alumnos poidan localizalo e recuperalo. “A idea non é lanzar por lanzar, acompañado a este lanzamento hai un traballo metodolóxico, isto sérvenos para poder traballar na aula con diferentes ámbitos e áreas, como xeografía, cousas de ciencias ou bioloxía”, destacou Prego.
O sistema de ensino do CEE de Panxón non conta nin con libros de texto nin con materias. Todos os contidos de Primaria e Secundaria fanse en base a proxectos que se crean e desenvolven no propio centro, e nos que participan os seus 20 alumnos e alumnas de entre 10 e 18 anos. “Todos os contidos de matemáticas, de bioloxía, de sociais, saen deste tipo de proxectos”, incidiu Lores.
Un dos alumnos, Álex Martínez, de 15 anos e natural de Ordes, explicou que será necesaria unha caixa de poliespán, un GPS para facer o seguimento, unha sonda para recoller datos, tres cámaras e un paracaídas, cun límite de peso de 1 quilo. O orzamento do proxecto rolda os 1.000 euros. Tras o de Chandebrito, os alumnos do CEE de Panxón lanzarán un segundo globo estratosférico desde a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, a mediados de xuño, no marco dunha feira de proxectos de colexios de toda Galicia.
O alcalde de Nigrán, Juan González, quixo destacar que “aquí o día a día soluciónano dunha maneira tan orixinal como pode ser esta. Nin me podía imaxinar que co lanzamento deste globo poderían ter clases de matemáticas, bioloxía, ciencias sociais, de xeografía, de tantas especialidades”. Pola súa banda, Francisco Puga, presidente de Delta Vigo, comprometeuse a propoñer que a empresa financie o proxecto. Ambos felicitaron tanto aos alumnos como aos profesores.

