O Club Baloncesto Nigrán organiza xa a V edición do Torneo Basket sen Barreiras que se celebrará os días 15 e 16 de abril no Pavillón Municipal de Panxón cun dobre obxectivo: romper obstáculos sociais a través do deporte e recadar alimentos para colaborar co banco de alimentos de Nigrán, polo que cada xogador/a participante realizará a súa inscrición achegando un quilo de alimentos non perecedoiros.
O torneo desenvolverase ambos os dous días en horario de mañá e tarde. As xornadas de mañá servirán especialmente para visualizar e promover a integración social de persoas con algún tipo de discapacidade funcional. Para iso contarán coa colaboración do Club AMFIV Iberconsa e o Centro Juan María, cuxos usuarios participaron no deseño do cartel promocional do torneo.
Para as xornadas de tarde habilitaranse 3 pistas nas que xogarán os equipos dos diferentes clubs participantes nas categorías alevín, benxamín e baby. Estas dúas últimas o luns de tarde e a categoría alevín pechando o torneo o martes de tarde. Xa foron varios os clubs da provincia que confirmaron a súa asistencia. Os diferentes encontros serán arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto a través do seu comité de árbitros que participan no evento de forma totalmente altruísta.
Durante os dous días de competición realizaranse sorteos de diferentes agasallos entre os asistentes que consistirán en material deportivo cedido por entidades e empresas da localidade que colaboran co CB Nigrán.
Trátase xa da quinta edición dun torneo moi consolidado que se constitúe como un aceno de identidade máis do Club Baloncesto Nigrán.

