Nigrán eliminará as taxas a casas afectadas por desastres

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Momento do sorteo dos compoñentes das mesas electorais na sesión ordinaria celebrada onte no consistorio.

Nigrán aplicará unha bonificación do 100% a aqueles veciños que soliciten unha licenza urbanística para a reforma de inmobles que resultasen afectados por desastres naturais. A moción, exposta inicialmente por UCN, sufriu unha pequena reforma no seu contido xa que nun principio estaba pensada para dar cobertura aos afectados polos incendios do 15 de outubro, aínda que de igual modo obtivo luz verde tras ser apoiada por PSOE, UCN, ND, BNG e a abstención o PP. Desta maneira a proposta beneficiará a todos aqueles que en un futuro sufran as consecuencias de movementos sísmicos, inundacións ou incendios, entre outras, en calquera construción.

Trátase dunha iniciativa que foi levada a debate na sesión plenaria celebrada na tarde de onte e correspondente ao mes de marzo, aínda que por motivos organizativos trasladouse do xoves 28 para evitar a celebración dun pleno extraordinario. Esta fórmula permitiu realizar o sorteo dos compoñentes das mesas electorais o mesmo día, e que por primeira vez realizouse mediante un software informático en cuestión de segundos.

Outro dos puntos máis salientables da xornada e que motivou un cheo pouco habitual no salón de plenos do consistorio nigranés, foi o relativo á solicitude efectuada xa hai un mes polo Concello á Xunta de Galicia para que lles autorice a rehabilitar a antiga cociña do CEIP Humberto Juanes, aínda que nesta ocasión con máis peticións. Por unha banda a aprobación dunha reserva de crédito por valor de 83.900 euros para que o Concello poida acometer e asumir integramente as obras, subrogar aos 10 traballadores que prestan servizo no comedor do centro educativo, e por outro que, previa solicitude, o resto de colexios póidanse beneficiar das novas instalacións. A pesar de que a moción contou co voto a favor dos cinco grupos da Corporación, a súa execución corre co tempo en contra debido aos prazos e a que a última palabra tena a Consellería de Educación, polo que UCN propuxo que se solicitase a utilización das instalacións da residencia de tempo libre de Patos. “Temos un centro infravalorado e cun cadro de persoal que se mantén en descontinuidade, co que sería boa idea centralizalo aquí en tempada escolar”, explicou o portavoz do partido independente Antonio Comesaña.

Outro dos temas a debate foi o relativo ás contas xerais de 2017, que saíron aprobadas co único voto a favor do PSOE, a abstención de ND, PP, BNG e o veto de UCN; a luz verde á cesión do servizo de subministración de auga da UTE FCC Aqualia a Aqualia co apoio do PSOE, PP e abstencións do resto de grupos ou a solicitude de retirada de ND dun valo publicitario instalado en chan municipal, xa executada a finais da semana pasada, entre outros.