A réplica da fragata de Pedro I o Grande fai escala en Baiona

O Shtandart, réplica dunha das xoias da mariña rusa, a fragata do século XVIII que o tsar Pedro I o Grande mandou crear en 1703, fixo escala este martes en Baiona no seu percorrido por toda Europa como buque escola e museo vivente. A embarcación, procedente da Coruña con 29 tripulantes a bordo de diferentes nacionalidades, permanecerá amarrada ata mañá no Monte Real Club de Yates, para logo continuar a súa ruta cara a Cascais, en Portugal, e Málaga.

A construción desta réplica do Shtandart comezou en 1994, mide 34,5 metros de eslora e 6,95 de manga. A fragata divídese en dúas áreas: a parte histórica (as cubertas) e a moderna (a adega). Pañois para barrís de auga, cabos para as áncoras, balas de canóns e pólvora aloxan agora o necesario equipo moderno (dous motores diesel, bombas de auga, tanques, etc), o comedor, a cociña e os aloxamentos da tripulación. Todo aquilo por encima da cuberta principal é fiel aos deseños orixinais: mastros e masteleiros, xarcia, cabrestante, canóns, a madeira tallada e o temón.

Combináronse métodos antigos de construción naval coas máis modernas tecnoloxías. Moito tivo que ser aprendido e descifrado no lugar, tentando pensar como os carpinteiros de ribeira do século XVIII. Outras técnicas aprendéronse en libros da época e acudindo a diferentes arquivos. O 4 de setembro de 1999, o renacido Shtandart foi bautizado. A súa viaxe inaugural foi no verán do ano 2000 facendo a ruta da Gran Embaixada, levada a cabo 300 anos antes, viaxando por aqueles países e cidades onde o novo emperador Pedro I instruíuse na construción de barcos para crear a nova Rusia forte.

Historia do barco orixinal

A principios do século XVIII Rusia conseguiu un dos seus principais botíns da Guerra con Suecia: o acceso ao mar Báltico. Na desembocadura do río Neva foi fundada a cidade de San Petersburgo, a futura capital do imperio. En 1703, no estaleiro de Olonets por orde do tsar Pedro o Grande, foi botada a primeira fragata da frota do Báltico, o «Shtandart”. O seu primeiro capitán foi Pedro I en persoa. O buque de guerra recibiu o seu nome en honra ao estandarte imperial. Antes de 1701 este mostraba un aguia sostendo nas súas garras os mapas dos tres mares aos que Rusia tiña acceso (o de Azov, o Negro e o Branco). Tras a adquisición do Báltico engadiuse o cuarto.

A gran Guerra do Norte (1700–21), durante a cal se construíu o «Shtandart», durou 18 anos máis tras a súa botadura. O Shtandart tomou parte en accións militares ata o ano 1719 cando foi dado de baixa. Tras esta, Pedro I promulgou un edicto de conservación do “Primoxénito da frota” (como el o denominou) en calidade de monumento á industria naval rusa. Desgraciadamente, sen coidados nin atención, o «Shtandart» e outros barcos atracados na canle de Kronwerk deterioráronse moi rapidamente.

En 1727, unha comisión enviada por Catalina I revisou o estado do buque e decidiu levalo ao dique seco para ser restaurado. Pero o tempo e a auga xa deterioraran tanto o casco que durante os intentos de elevalo, o cable cortou o casco en varias seccións. O vello Shtandart foi despezado e un novo decreto foi promulgado pola emperatriz: «En honra ao seu nome dado pola súa maxestade Pedro I construirase un novo». Pero esa orde só sería executada case 300 anos despois.

 

Anuncios