Anxo Uzal vén de proclamase subcampión de España júnior de Loitas Olímpicas no campionato nacional celebrado este fin de semana no pavillón exterior do CSD en Madrid. O baionés do Club de Loita Sabarís fíxose coa medalla de prata en 61 kg.
A esta cita, valedoira para os Campionatos de Europa júnior que terán lugar en Pontevedra a primeiros do mes de xuño, acudiron tamén outros dous baioneses e compañeiros de club, David González, que conseguiu a medalla de bronce en 57 kg, e Cristian Suárez, que non logrou subirse ao podio.
Galicia acudiu ao Campionato de España júnior de Loitas Olímpicas con 24 deportistas, 6 técnicos e 4 árbitros. A competición desenvolveuse en 3 tapices oficiais, resolvéndose o sábado en xornada de mañá os campións das 30 categorías olímpicas postas en xogo, 10 categorías en Libre Olímpicas, 10 en Feminina e 10 en Grecorromana.


