Miguel Indurain, padriño do Club Ciclista Gondomar no seu 25 aniversario

Miguel Indurain, ex ciclista profesional entre 1985 e 1996, estará en Gondomar os próximos días 7 e 8 de setembro con motivo do 25 aniversario do Club Ciclista Gondomar. Será o padriño da XX Marcha Cicloturista, xunto coa triatleta Aida García.

O Club Ciclista Gondomar foi fundado por un grupo de amigos no ano 1995, sendo o seu primeiro presidente José Casas Lorenzo, aos que lle seguiron Modesto Pérez Fernández, Jose Luis Valverde Fernández, Paulino Pereira Cambra, Jose Ángel González Rocha e o actual, Roberto Valverde Fernández. No ano 1999 organizou a súa primeira marcha cicloturista.

Actualmente o Club Ciclista Gondomar fórmano medio centenar de socios, e segue crecendo. A directiva está formada por Roberto Valverde Fernández (Presidente), Ramón López Núñez (Vicepresidente), Roberto Martínez Díaz (Secretario) e Gonzalo Iglesias Núñez (Tesoureiro).

O mellor ciclista español de todos os tempos

Indurain, nacido en Villava, Navarra, o 16 de xullo de 1964, foi gañador do Tour de Francia durante cinco anos consecutivos (de 1991 a 1995) e do Giro de Italia en dúas ocasións consecutivas (1992 e 1993); foi ademais campión do mundo contrarreloxo (1995), campión olímpico contrarreloxo (1996) e posuidor do récord da hora (1994) durante dous meses.

Está considerado un dos mellores ciclistas da historia (xunto a Eddy Merckx, Bernard Hinault, Jacques Anquetil e Fausto Coppi) e o oitavo mellor do Tour de Francia segundo un xurado composto por cinco especialistas franceses e seleccionado pola organización do propio Tour.

O palmarés de Miguel Indurain acredítalle como o mellor ciclista español de todos os tempos e un dos mellores deportistas da historia do país, destacando pola súa capacidade de sacrificio e polo seu saber gañar. Foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias dos Deportes, entre outros premios en recoñecemento á súa carreira deportiva.