Sin categoría

Feijóo visita Marine Instruments: “A innovación está no seu ADN”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta do tecido industrial galego pola innovación, formación e internacionalización como elementos clave para que Galicia siga crecendo.

Nesta liña, e durante unha visita ás instalacións de Marine Instruments, dedicada ao deseño e fabricación de compoñentes e sistemas electrónicos para o sector pesqueiro, Feijóo referiuse a esta compañía como un dos mellores exemplos empresariais cos que constatar como a aplicación da I+D+i facilita a modernización de calquera sector económico como o marítimo-pesqueiro: o cuarto con maior peso na economía galega, que xera un volume de ingresos de case 9.000 millóns de euros e que dá emprego a máis de 36.000 persoas.

O responsable do Executivo autonómico lembrou que coa aplicación de novas ferramentas tecnolóxicas, este sector se moderniza e pode avanzar en ámbitos como a seguridade a bordo ou a pesca sustentable. Non en van, en menos dunha década, Marine Instruments posicionouse como o primeiro fabricante de boias satelitarias de atún a nivel mundial; e traballa en proxectos como o deseño de tecnoloxías de monitorización de pesca, deseñando cámaras de alta resolución para as operacións de pesca a bordo, ou a fabricación de vehículos non tripulados tamén para a actividade pesqueira.

Así mesmo, salientou que Marine Instruments é unha das empresas que colabora con Indra no polo aeroespacial de Galicia, en Rozas. E, tomando como punto de partida os seus amplos coñecementos tecnolóxicos e do mundo mariño, aposta tamén pola diversificación, trasladando a súa experiencia a outros sectores e clientes fóra do ámbito pesqueiro.

Ao longo da visita, Feijóo resaltou que esta empresa ten no capital humano o seu principal activo, cun equipo de profesionais composto nun 40% por enxeñeiros que traballan no departamento de I+D+i e que ten moito que ver para que esta empresa creza a unha taxa anual do 30%, con presenza xa en máis de 25 países. “A innovación está no seu ADN. Estamos a falar dunha desas empresas que poderíamos encaixar nesa nova cultura empresarial que promove e premia o talento”, afirmou, incidindo en que contar cun equipo de profesionais cualificados é a mellor garantía para que unha empresa poida competir na liga da Industria 4.0.