O Laroca Mallón-IES Auga da Laxe, líder en terceira división

FOTO: CLUB DE XADREZ LAROCA

Este pasado sábado disputouse a oitava xornada da liga galega de xadrez con dúas vitorias, un empate e unha derrota para os laroqueiros.

Na primeira división o Laroca A empataba na sede de Nigrán a dous puntos ante os ourensáns do Benchosey Séniors, puntos conseguidos por Fran e as táboas de Tino e Sergio. Con este resultado afiánzanse no quinto posto da xeral e a falta de tres xornadas pódese dicir que o obxectivo de manterse na categoría está cumprido. Este sábado desprazaranse a Vigo para enfrontarse ao Alekhine-Correduría Tempu.

Na segunda división derrota do Laroca B ante os líderes da clasificación, o Mos A, por 4-0. Con este resultado os miñoráns sitúanse na décima posición da clasificación e ocupando praza de descenso. Este sábado desprázanse a Mos para enfrontarse ao Mos B.

Vitoria do Laroca C ante os tudenses do Chiringo Contos Tui por 3-1, puntos conseguidos pola vitorias de Chema e Carlos e as táboas de Tomás e Antonio. Con este resultado os laroqueiros sitúanse na cuarta posición da clasificación.

Na terceira división gran vitoria do Laroca Mallón-IES Auga da Laxe por 3-1, ante o Mos D, puntos conseguidos polas vitorias de Ricardo e Guillermo e as táboas de Ana e Mauro. Con está vitoria sitúanse líderes a falta dunha xornada con 25,5 puntos. A derradeira xornada desprazaranse a Mos para enfrontarse ao Mos F.