Arias e Domínguez, novidades do Vigo-Rías Baixas en Torredonjimeno

A mellor Copa de España Elite e Sub23 na historia do Vigo-Rías Baixas chega á súa sexta xornada. A XXXV Clásica Cidade de Torredonjimeno celébrase este domingo cun dos percorridos máis esixentes do certame estatal. Carlos Cobos e Samuel Blanco volverán ser os líderes da estrutura presidida por José Luis Chamorro, que na provincia de Xaén presentará dúas novidades respecto a a súa última aliñación.

O costarriqueño Sergio Arias e o catalán David Domínguez entran nun “sete” que completan Gabriel Ochando, Julián Barrientos e Víctor Hernández. O trazado da clásica andaluza adáptase ás características dos escaladores do conxunto olívico. Na segunda metade dos 160 quilómetros con inicio e final en Torredonjimeno atópanse os dous portos puntuables desta cita. O Alto de Locubín, de 1ª categoría, coróase no km 106 e o de Valdepeñas, de 2ª, no km 120.

A saída darase ás 9:30 horas e o Vigo-Rías Baixas poñerase en marcha con varios obxectivos. Individualmente, Cobos e Blanco, 10º e 17º na xeral, aspiran a mellorar a súa clasificación na Copa de España. A nivel colectivo, os pupilos que dirixe Gorka Beloki ocupan a quinta praza na táboa por equipos, a só sete puntos da cuarta posición. Ademais, a formación viguesa defende a súa condición de líder do ránking Elite da Real Federación Española de Ciclismo.

Subida a Gorla

Dous dos ciclistas habituais co conxunto vigués nas probas da Copa de España compiten este domingo noutro certame. Sergio Álvarez e Sebastián Moya disputarán a Subida a Gorla, carreira puntuable para o Torneo Lehendakari vasco. Xunto a eles estará Santi Martínez como terceiro compoñente do trío flúor.

A esixente ascensión final a Gorla, onde está situada a liña de meta tras 118 quilómetros, decidirá esta prestixiosa proba guipuscoana. O seu palmarés fala por si só, con gañadores como Alberto Contador. “Purito” Rodríguez, Mikel Landa e Carlos Sastre.

Anuncios