Alumnos do CPI Arquitecto Palacios e do Juan María plantan 140 árbores en Porto do Molle

Alumnos do CPI Arquitecto Palacios de Panxón e do Centro de Educación Especial Juan María participaron esta mañá na iniciativa do Rotary Club de Vigo a través do Concello de Nigrán para repoboar a única zona verde municipal do parque empresarial Porto do Molle sen árbores. Así, a empresa Darlim doou 140 exemplares de castiñeiros, carballos, bidueiros e freixos; Ecocelta proporcionou o abono e as bodegas As Laxas a maquinaria para preparar o terreo.

O obxectivo desta plantación de preto de 2 hectáreas é crear unha zona de refuxio da fauna que dea continuidade ao bosque de ribeira do Río Muíños, tal e como explicou o enxeñeiro forestal Javier Santiago e o arquitecto e presidente do Rotary Club Ángel Santorio, responsables do proxecto de rexeneración das marxes deste río no que o Concello investiu 510.000 euros e que se está a levar a cabo.

«Consideramos que é unha iniciativa moi boa para Nigrán e en concreto para esta contorna de Porto do Molle, xa que se engadirá zona verde», sinalou o alcalde, Juan González, quen asistiu á plantación xunto aos representantes das comunidades de montes de Camos e Parada.

Anuncios