Preto de 400 xogadores disputarán o XIII Torneo de Minibasket de Baiona

O Salón de Plenos de Baiona acolleu este mediodía a presentación do XIII Torneo Internacional de Minibasket, que organiza o Club Baloncesto Baiona, conxuntamente co Concello, os próximos días 12, 13 e 14 de abril. Durante o acto levouse a cabo tamén o sorteo de grupos.

Nesta décimo terceira edición participan un total de 32 equipos chegados desde toda Galicia, León, Valladolid e Ponferrada, 16 en categoría masculina e 16 en categoría feminina. Os participantes, preto de 400 xogadores de categoría alevín, vivirán tres días de convivencia a través do baloncesto, nos que se tenta fomentar a tolerancia e reforzar habilidades para relacionarse cos demais, cooperar e afrontar os conflitos de maneira positiva, entre outros.

O venres 12 disputarase o concurso de tiros a partir das 18:30 horas e xa o sábado 13 terá lugar a fase de grupos de 9:00 a 22:00 horas, na que se clasificarán os dous primeiros. O domingo 14 os eliminados xogarán entre eles e os equipos finalistas disputarán os play-offs de eliminación directa desde as 9:00 ata as 15:00 horas. A final masculina será ás 17:00 horas e a feminina ás 18:00 horas. Ás 19:00 horas terá lugar a entrega de premios e a clausura do torneo.

Durante os tres días de celebración disputaranse un total de 74 partidos entre os 32 equipos. Participarán unhas 500 persoas entre xogadores, adestradores, voluntarios e árbitros, aos que hai que engadir familiares e acompañantes.

Anuncios