Anuncios
Ticker de novas

O CPI Arquitecto Palacios de Panxón celebra o Día da Poesía con Antonio García Teijeiro

Todo o alumnado o CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios de Panxón tivo a sorte de asistir este mércores a unha conferencia do escritor Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura. Estivo no Salón de Actos do centro de 10:00 a 11:30 para festexar o Día da Poesía, que se celebra o 21 de marzo, e  falar dos seus libros, especialmente “Poemar o mar” e “Na fogueira dos versos”.

Foi presentado pola alumna de 4º de Primaria Inés Román. O poeta fixo recitar conxuntamente ao alumnado poemas seus, púxolle voz a un monicreque chamado Martiño como a personaxe do seu libro e recitou tres poemas de “Na fogueira dos versos”, do que é autor. Dous alumnos de Secundaria, Edgar Sanromán e Yerout Fernández, rapearon dous poemas deste libro.

Ao final do acto asinoulles os seus libros a todo o alumnado e á Biblioteca do centro, dedicada a Xosé María Álvarez Blázquez.

Anuncios
error: Contido protexido