De Nigrán á Antártida: “O vento frío e húmido da Antártida é como alfinetes na cara»

Santiago Baluja á dereita xunto a Pedro Duque.

Santiago Baluja é un miñorano que naceu como outros moitos en Vigo no ano 1977 e ata aquí todo normal, pero se ademais aclaramos que traballa no Polo sur, a 15.000 kms de Nigrán, a cousa empeza a cambiar e moito. E é que este apaixonado do mar leva xa tres campañas Antárticas e a última como técnico da base Juan Carlos I, situada na illa Livingston. Estudou patrón de altura da mariña mercante e capitán de pesca na Náutico Pesqueira de Vigo. En 2009 e embarcouse no “Emma Bardán”, un buque oceanográfico do MARM. Foi pasando por varias embarcacións do mesmo tipo ata que en 2015, xa no Sarmiento de Gamboa, comeza a súa verdadeira aventura.

Como foi esa experiencia na súa primeira toma de contacto?

Pois foi apaixonante xa que despois de dous anos a bordo ninguén se imaxinaba facer tal ruta. Saímos de Vigo, cruzamos o Atlántico norte, o Ecuador e Atlántico sur entrando por estreito o de Magallanes, Cabo de Fornos, Paso do Drake ata a Antárdida, en total 28 días de viaxe. Enviáronnos como apoio loxístico para levar material á base que estaba en construción.

A estrutura da base en canto a persoal técnico?

Pois se compón dun xefe de base, un informático, catro montañeiros, un patrón, dous cociñeiros, dous electrónicos, un médico, dous mecánicos e dous meteorólogos. O certo é que a base funciona como un pequeno hotel. Unha das nosas tarefas é mantelo e poñelo a funcionar despois das invernadas varios días antes de que chegue o persoal científico.

Como é o día a día nunhas instalacións destas características?

Temos unha quenda que é o de “chinita” e ao que lle toca levántase ás 7 7,30 horas e o primeiro é preparar as cousas para o almorzo. Este rota e tócanos tanto a nós como aos científicos. Tomamos afumados, queixos, friame, zume ou café, isto é sobre as 8 8,30 horas. Despois toca a reunión dos técnicos co xefe de base, confirmamos o breafing de meteoroloxía así como as actividades da mañá. Ás 9 horas vísteste con roupa térmica de alta montaña e saímos ao exterior. Hai membros que traballan desde dentro como cociñeiros ou informáticos e saen menos. Ás 13,30 horas regresamos a comer, despois sesta ata as 15 horas e séguese traballando ata as 19, despois reunión de méteo e ás 20 horas cea, máis tarde conferencias científicas e ás 22 en cama. O domingo é o noso día libre aínda que controlado, en todo momento téñennos localizados por seguridade.

O seu papel cos científicos?

O perfil do científico é o dunha persoa extremadamente analítica pero que se desenvolve mellor entre papeis que no medio. Nós o que facemos é acompañalos nas súas mostraxes para darlles unha garantía de seguridade. Os guías son profesionais de alta montaña que van equipados para ir por terra e eu por mar.

Que é o máis importante aquí para sobrevivir ou directamente non ter sustos?

Pois algo vital para nós é coñecer a meteoroloxía. É extremadamente cambiante e é moi importante ter en conta as predicións. Para iso temos os breafing de «méteo» onde se adapta o calendario de actividades do día seguinte porque é bo dispoñer sempre dun plan B.

A que temperaturas enfróntanse durante as súas xornadas?

As campañas realízanse no verán austral, é dicir de decembro a abril. A temperatura oscila entre -3 e +3 pero o problema é que dependes do vento xa que se os refachos chegan rozando o glaciar a sensación é de -25. Cando che pega o vento directo é coma se unha chea de alfinetes cravásense na cara.

Como combaten a temperatura aparente?

Con roupa técnica por exemplo forros polares, pezas primaloft, plumas, chaquetas de goretex, gorros etc e estás así todo o día e se vas estar moito tempo fóra te levas un termo. Nos barcos levamos traxes especiais “viking”, que son como unha especie de traxes de inmersión, traxes secos.

Agora mesmo están a acabar a tempada, non é así?

Estamos co peche e xa non están os científicos, esta fin de semana vén o buque » Hespérides» a recoller material, principalmente aparellos electrónicos que non se poden quedar aquí e entre o 27 e 28 pechamos totalmente. Purgamos a auga das tubaxes e deixamos todo sen presión porque se non poden rebentar. Imos apagando ata que non funcionan nin os baños, nin a auga e facendo as nosas necesidades en bolsas orgánicas. Isto só vivímolo nós, os científicos non. Do 28 ao 3 estaremos en Ushuaia de aí en avión a Bos Aires, Madrid e Vigo.

Que pode dicir sobre o cambio climático? Aínda que non é científico está a traballar de xeito conxunto con eles, as súas conclusións van ser moito máis aproximadas

É un tema que suscita moito interese. Case todos os proxectos científicos céntranse nel. Sen ser alarmista, creo que somos demasiadas persoas no planeta facendo consumo de combustibles fósiles. Demasiados gases de efecto invernadoiro. Inevitablemente hai síntomas inequívocos de que a temperatura do planeta ascende. Isto xera cambios climáticos cada vez máis bruscos, o clima non segue un patrón, rompen os estándares estacionais e os ciclos. Xusto na nosa zona, Antártida marítima, estamos en temperaturas próximas ao cero, un punto crítico ao límite do desxeo e cun só grao de diferenza aquí notaríanse rapidamente os cambios. O máis paradoxal é que cada vez hai máis neve, con todo antes non nevaba senón que había desertos de xeo. Temos que tomar conciencia para preservar o planeta.

Repetirá experiencia?

Xa levo tres e isto engancha, se mo propoñen repetirei seguro, espero estar na próxima campaña.

Anuncios