Este domingo 24 de marzo terá lugar unha nova xornada de recollida de lixo na Praia de Patos, Nigrán. Outro ano máis Prado Surf Escola, Ocean Initiatives, CEMMA e o Concello de Nigrán uniron forzas para levar a cabo esta iniciativa que quere concienciar sobre a contaminación causada polos lixos mariños e tamén os efectos dos residuos sobre o varamento de mamíferos mariños.
Esta actividade englóbase dentro das accións que Surfrider Foundation enmarca dentro de Ocean Initiatives con motivo do seu 25 aniversario. Todos os que estean interesados en axudar serán benvidos. A recepción de participantes será ás 10:30 e o inicio da limpeza da praia será ás 10:45. Unha vez terminada a recollida, sobre as 11:45 farase unha foto grupal co lixo para concienciarnos sobre o moito que podemos facer entre todos. E para finalizar a xornada ás 12:00 horas, CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) dará unha formación sobre o varamento dos mamíferos mariños e como afecta o lixo do mar ás nosas praias. Esta actividade conta co apoio do Concello de Nigrán e o respaldo de varios patrocinadores a nivel internacional.
Prado Surf Escola quere así fomentar a educación ambiental entre todas as súas alumnas e alumnos e colaborar cos veciños para manter as nosas praias e océanos limpos.
Limpeza en Praia América
O mesmo domingo, ás 10:30, tamén está convocada unha limpeza en Praia América. O punto de encontro será no campo de fútbol de Lourido.

