O aumento de sancións baleira a avenida de Sabarís

A avenida Julian Valverde inusualmente baleira o xoves. Á dereita, en febreiro, bloqueada con vehículos.

O agravamento das sancións por vehículos mal estacionados na avenida Julián Valverde de Sabarís dividiu posturas entre veciños e comerciantes. Mentres que uns aseguran non entender como “sen motivo aparente e dun día para outro” as multas sufriron un aumento exponencial, outros reclaman precisamente que se recupere a normalidade nunha zona considerada por moitos como “terra de ninguén, caótica e mesmo perigosa”.

O pasado xoves unha parella de axentes da Policía Municipal comezou a sancionar a pé aos que se atopaban estacionados en ambos os dous sentidos no tramo comprendido entre o fin das humanizacións da principal vía da parroquia baionesa e a Praza Victoria Cadaval. Máis tarde foi a quenda do guindastre municipal que rematou o empezado polos efectivos e que acabou dando como resultado un viario inusualmente deserto en xornada laboral.

Raúl Costas, concelleiro de Seguridade, explicou a este diario que a medida se refire a unha orde interna en resposta a numerosos escritos enviados polos veciños da zona e da Asociación Castro e Ladeira de Sabarís, coa que ademais mantiveron unha reunión relativa a seguridade e na que falaron precisamente sobre este punto do viario baionés. “O seu presidente, Marín Otero, pediunos que se actuase nesta e outras zonas, e cuxas peticións tamén nolas fixo chegar por escrito en repetidas ocasións”, explicou.

O responsable de área engadiu que as patrullas a pé continuarán polo municipio como medida disuasoria aínda que tamén para intensificar a vixilancia en zonas nas que están a aumentar os roubos, como a zona dos Tendais e o casco antigo. “Esta noite entraron a roubar en “A taberna do Abrente” e o outro día na cafetería “Coffee Time” co que ademais se sumarán medidas por parte da Garda Civil”, engadiu. En canto aos rumores acerca de multas indiscriminadas na xornada do xoves, o responsable de área matizou que en todo o día tramitáronse un total de sete sanciones, “unha cifra discreta se temos en conta a cantidade de vehículos que estacionan aquí infrinxindo as normas”.

Por outra banda Costas lembrou que Sabarís é unha das zonas que goza de máis bolsas de aparcadoiro “co que facelo ben non resulta complicado en exceso”.