Investigados máis de medio centenar de delitos contra o medio ambiente durante o 2018 na provincia

As actuacións das diferentes unidades da Garda Civil na provincia de Pontevedra e principalmente do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), durante o pasado ano, deron lugar á detención/investigación de 78 persoas e á tramitación de preto de 1.800 infraccións administrativas.

Infraccións administrativas:

No apartado de infraccións administrativas formuláronse preto de 1.800 denuncias. Destacan as infraccións á normativa sobre animais de compañía con 351 actuacións; as relativas a residuos sólidos e verteduras 317; as infraccións á normativa sobre montes 221; sobre sanidade animal e epizootias 151; e as actuacións relacionadas coa pesca 118.

Tamén son de destacar neste apartado as 98 denuncias formuladas por contravir a normativa sobre animais perigosos, 76 infraccións relacionadas coa normativa sobre augas, 63 por infrinxir as normas sobre urbanismo e ordenación do territorio, 59 relacionadas coa sanidade e medio ambiente e 32 por infraccións á lei de caza.

Infraccións penais:

Os datos sobre infraccións penais sinalan un total de 67 delitos vinculados co medio ambiente, que foron esclarecidos na súa práctica totalidade (95´5%), co resultado de 78 persoas detidas/investigadas.

Neste apartado destacan 41 delitos relativos á ordenación do territorio e á protección do patrimonio histórico e do medio ambiente, con 2 persoas detidas e 25 investigadas. Deles, sobresaen 28 delitos de malos tratos ou abandono de animais domésticos cun 64% de casos esclarecidos que deron lugar á detención/investigación de 9 persoas.

No ámbito dos delitos contra a seguridade colectiva rexistráronse 7 delitos de incendios forestais con 2 persoas detidas e 9 investigados.

Investigáronse ademais outros ilícitos vinculados a actuacións relacionadas co medio ambiente, 16 deles por defraudación de fluído eléctrico con catro persoas investigadas.

Outras actividades:

En aplicación do convenio sobre o comercio internacional de especies ameazadas de fauna e flora silvestres (CITES), destaca especialmente a Operación Hiposacro, en Salvaterra do Miño que concluíu coa detención do propietario dun almacén ilegal onde se aprehenderon 150 exemplares animais naturalizados, todos eles de especies protexidas, entre os que figuran numerosos especímenes, algúns de gran valor ecolóxico, cuxa tenencia contravenía a normativa que regula Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Flora e Fauna Silvestre (CITES).

Neste apartado, destacan os 11 cabeiros de marfil incautados, algúns deles tallados, cuxo valor no mercado pode superar os 100.000 euros. A estes, hai que engadir outras pezas de incalculable valor como son os exemplares completos de varios animais, entre eles un leopardo das neves, un león, un tigre e o pescozo dunha xirafa.

Noutra orde de actuacións, sinalar que durante o pasado ano o SEPRONA formalizou 1.291 actas por inspeccións realizadas nos distintos ámbitos das súas competencias específicas. Sobresaen as inspeccións realizadas por residuos e verteduras (273), as relacionadas cos animais de compañía (204), coa normativa de montes (151), sanidade animal e epizootias (91), augas (81) e urbanización e ordenación do territorio (49).

A Garda Civil é, desde as súas orixes, unha institución comprometida coa protección do medio ambiente, de feito, foi o corpo policial pioneiro internacionalmente en abordar a protección da natureza dunha forma integral, promovendo a creación de Unidades especializadas nesta materia, como é o caso do SEPRONA, que despois de cumprir o trinta aniversario da súa posta en servizo, segue sendo un referente noutras policías europeas.

Anuncios