Nigrán estreará a biblioteca municipal tras o verán

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Estado actual das obras iniciadas en outubro por Civis Global no solar municipal de 443 metros.

As obras de construción da nova biblioteca de Nigrán continúan segundo o establecido e nos próximos días comezarán coa súa fachada composta de ladrillo e pedra

Así o adiantou o alcalde Juan González tras explicar que os operarios acaban de recibir todo o material necesario para pechar a estrutura que albergará ás instalacións municipais. Con todo, González preferiu manter a cautela en canto á súa data de finalización aínda que calcula que estarán rematadas cara ao mes de outubro. «Gustaríanos poder contar cunha nova biblioteca municipal antes das eleccións, pero temos que ter os pés na terra», explicou.

O rexedor engadiu que este tipo de espazos teñen un problema engadido, que non é outro que o do seu equipamento, xa que para ofrecer un servizo de calidade ademais de rematar o edificio é preciso que todos os seus elementos estean instalados debidamente e operativos ao 100%. «Hai que facer as cousas con cautela e pensando en que teñen que durar», matizou. Aínda así explicou que o seu desenvolvemento está a levarse a cabo sen contratempos reseñables.

Actualmente a construción atópase co armazón finalizado, nos próximos días comezarán a dar forma á súa fachada e logo será a quenda da electricidade, fontanería e acabados interiores. Unha vez estea finalizado o inmoble como tal procederán ao seu equipamento composto polo mobiliario necesario para o arquivo e biblioteca, butacas, equipos informáticos e audiovisuais, ademais da iluminación.

Os traballos, que comezaron a finais do pasado mes de setembro adxudicáronse a Civis Global por 1.280.000 euros, contan co financiamento da Deputación de Pontevedra a razón dun 80%, mentres que o 20 restante correrá por conta das arcas municipais e o seu prazo inicial de execución era de nove meses, aínda que finalmente estará rematada cara a outubro, o que supón unha pequena demora dun trimestre.

O edificio está situado nun solar de titularidade municipal, que conta con 443 metros cadrados e planta trapezoidal, á altura da Rúa Panasco e Estrada Pola Vía. A súa configuración en desnivel permitirá a construción de varios accesos a diferentes alturas, o que o fará máis accesible. Será dez veces máis grande que a actual, situada no Ceán, con máis de 1.000 metros cadrados de superficie. Na planta baixa construirase unha sala de usos múltiples, almacén e aseos; na primeira unha hemeroteca, sala de computadores, recepción zona infantil e xuvenil distribuídos; na segunda de localizará o espazo de préstamo para adultos e na terceira zona de estudo.