Gondomar inicia unha campaña de concienciación para o aforro e consumo responsable da auga

O Concello de Gondomar celebra este venres 22 de marzo o Día Mundial da Auga impartindo charlas informativas nos centros educativos do municipio, na Gardería San Xosé e nas asociacións veciñais, xunto coa entrega dun exemplar do Manual de Bos Usos: “En Gondomar amamos a auga”, libro que foi editado polo Concello e que será repartido entre todos os alumnos e asistentes.

Estas charlas iniciaranse mañá venres no CEIP Serra-Vincios e no CEP Xosé Neira Vilas en Peitieiros, e o luns no CEIP Souto de Donas. Están dirixidas a alumnos de 4º, 5º, e 6º de Primaria con idades comprendidas entre os 9 e 11 anos, e continuando ao longo da próxima semana no resto de centros e de asociacións. Serán impartidas por técnicos da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Auga, Espina y Delfín.

O obxectivo deste ciclo de charlas, non é outro que concienciar á sociedade de que a auga é un ben esencial para a vida e o seu acceso foi recoñecido no ano 2010 polas Nacións Unidas, como un dereito humano esencial para o pleno goce da vida. É importante reflexionar no feito de que é un ben escaso, e por iso cada pinga conta. Un xesto tan sinxelo como abrir unha chave de auga, ver correr a auga limpa, en abundancia, aparentemente inesgotable, obríganos a ser máis responsables e evitar o seu mal uso, debendo impoñernos o reto individual e colectivo, de alcanzar un uso responsable dun ben tan escaso e vital para todos os seres vivos.