Baiona contrata a 13 persoas desempregadas a través do Plan Concellos

O Concello de Baiona, a través do “Plan Concellos 2019” da Deputación de Pontevedra, acaba de formalizar 13 novos contratos a xornada completa (35 horas semanais), e cunha duración de 6 meses. Concretamente, as prazas que se crearon son: 1 condutor de camión, 4 operarios de limpeza viaria e recollida de lixo, 7 peóns de obra pública e 1 técnico superior de turismo.

Os novos empregados son persoas empadroadas no municipio de Baiona e que estaban inscritos nas listas do INEM como demandantes de emprego. Ademais, tivéronse en conta unha serie de requisitos á hora de facer a selección, de forma que tiveron preferencia as mulleres vítimas de violencia de xénero e os maiores de 45 anos. Tamén se valoraron as cargas familiares dos solicitantes.

Cabe destacar que despois de varios anos volven incorporarse mulleres ao departamento de Vías e Obras, sen dúbida unha moi boa noticia xa que é un sector estereotipado no que a maioría dos traballadores son homes. Ángel Rodal “cre que é unha boa noticia que 13 veciños poidan beneficiarse deste tipo de contratos, xa que lles garante uns ingresos. Ademais, co seu traballo axudarán a manter e a mellorar diversos servizos municipais que son moi necesarios”.

Estas incorporacións xa se fixeron efectivas, quedando pendentes 8 contratacións máis dentro do mesmo “Plan Concellos” que está previsto que se realicen nos próximos meses e que sumándose ás anteriores farán un total de 21 novos empregados.

Anuncios