“O alcalde debe deixar de xogar coas expectativas das empresas da Pasaxe”

O pasado domingo os medios de comunicación daban a nova do anuncio feito polo Alcalde de Gondomar sobre o Polígono Industrial da Pasaxe, segundo a cal os trámites da primeira fase da ordenación do mesmo estaban listos e as máquinas a piques de entrar a traballar na ordenación. “Sobre o papel pode ser pero, lamentablemente nada máis lonxe da realidade”, lamenta Antonio Araújo, portavoz de Manifesto Miñor.

“Quen me teña seguido neste asunto tan importante para o futuro de Gondomar, saberá da miña discreción e coidado no tratamento do mesmo en aras do consenso e de seguir escrupulosamente as indicacións das complexas normativas e da propia Lei do Solo… Pero á vista de semellante e truculento anuncio non podo calar: XA ABONDA. O Alcalde debe deixar de xogar coas expectativas e as necesidades das empresas e dos traballadores do Polígono Industrial de A Pasaxe!!… Malia o rechamante dos titulares de prensa, os Srs. que saen na foto NON APROBARON NADA, como moito estarán de acordo entre eles, e paréceme ben, co proxecto de Reparcelación e Destribución de Cargas”, pero quen aproba provisionalmente ese documento é o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar, recorda Araújo.

Por outra banda, para o concelleiro de Manifesto Miñor anunciar unha aprobación tan complexa para Pascua “é unha irresponsabilidade”, xa que antes están as publicacións nos diferentes boletíns oficiais; unha exposición pública dun mes; posibles alegacións, recursos, contestacións, etc…. “Con todo, a irresponsabilidade maior é anunciar un proxecto deste calibre, dun custe mínimo de 4 millóns de €, sen dicir quen o vai financiar ou canto lle vai custar a cada empresa ou a cada propietario de parcelas (sistema de cooperación), incluída a CCMM de Vincios, que integran esa 1ª fase. Iso É UN ENGANO”.

Por último, para Araújo deixar ao albur da Xunta de Galicia, así sen máis, a ver se “cae” algunha subvención para rebaixar custes, “é o sumun da ineficacia na xestión municipal á que nos ten acostumados o Sr. Ferreira, que o único que busca son fotos e vender fume a conta do que sexa… Quen vai poñer a parte proporcional daquelas empresas en quebra, ou dos propietarios que non poidan facelo por falta de recursos financeiros?. Porque non fixo o Sr. Alcalde (responsable da área de economía e facenda municipais) unha reserva de crédito, ou calquera outra fórmula legal, dun mínimo de 500.000€ como se lle dixo dende Manifesto Miñor (está publicado) para atender dende o Concello esas posibles continxencias?. Isto si que lle daría credibilidade á mensaxe… Se de verdade lle interesara ao Sr. Alcalde o Polígono Industrial de A Pasaxe, máis aló da propaganda pre electoral, tiña que estar día si, día tamén petando nas portas da Consellaría de Industria, Deputación, Ministerio, etc, para conseguir o custe mínimo da urbanización do polígono, e poder aumentar exponencialmente, tanto o número de empresas como de traballadores que alí hai… Como fixemos outros cando nos tocou, lembrade os 12 millóns de € iniciais da Conselleira Teresa Táboas que despois o cambio de goberno na Xunta esqueceu…”, conclúe o portavoz.

Anuncios