Mila López, segunda no inicio da Copa de España de ciclismo adaptado

FOTO: LA VOZ DE TOMELLOSO // Mila López, no segundo posto do podio.

Tomelloso (Cidade Real) gozou este domingo dunha extraordinaria xornada de ciclismo adaptado na que foi a primeira das 9 citas que compoñen o circuíto nacional.

Organizada pola Fundación Ciclista de Castela-A Mancha en colaboración co Concello de Tomelloso e FUCICAM, a Copa de España habilitou un circuíto de dous quilómetros e medio que puxo a proba á gran cantidade de deportistas participantes.

A baionesa Milagros López, que se estreaba co Club Ciclista Riazor, foi segunda na categoría WH4. A mellor muller resultaría Eva María Moral, e pechando o podio en terceira posición, Ione Basterra.

“Máis que contenta pola melloría bastante evidente respecto ao ano pasado que me fixo confiar en que aínda podo dar moito máis. Fáltame terminar de conseguir ir cómoda na ditosa bici, algún día destes conseguireino. A tempada acaba de empezar e queda todo un ano por diante”, sinalaba Mila.