Sin categoría

A Asociación de Escolas de Surf de Patos cumpre o seu primeiro aniversario

A Asociación de Escolas de Surf de Patos (AEESP), con motivo do primeiro aniversario da súa creación, pon en marcha o seu programa de actividades conxuntas grazas ás cinco escolas que a forman: La Conservera del Surf, Patos Surf Galicia, Prado Surf Escola, Point Break Patos e Txoko Surf Schola.

Facendo balance deste primeiro ano de vida, en colaboración co Servizo de Costas de Pontevedra, Federación Galega de Surf e Concello de Nigrán, queren constatar que a unión das mesmas redundou nun gran beneficio no municipio, avances na convivencia entre os distintos usuarios do areal da praia de Patos, onde ditas escolas desenvolven a súa actividade todo o ano. As súas próximas metas como Asociación céntranse nos seguintes puntos:

● Regularización do sector ante a masificación do areal, para poder dar o mellor servizo posible ás persoas que queiran penetrarse no apaixonante mundo do surf e lograr un equilibrio entre surfeiros e bañistas na época estival.

● Equilibrio de convivencia entre as escolas que forman a AEESP cos surfeiros libres, que gozan con eles das estupendas ondas que teñen na praia de Patos.

● Reivindicar ante as administracións públicas que xestionan a praia de Patos, a forza e a importancia que ten o sector do surf como motor económico do negocio local, do turismo e promoción do Concello, mediante a necesidade de melloras nos servizos da Praia de Patos, sinalización do areal de Patos como praia de surf con zonas acoutadas para a súa práctica.

● Sustentabilidade na nosa contorna costeira dunha forma máis eficiente e práctica, mediante accións de limpeza e control da mesma.

● Novas localizacións para repartir a masificación e infraestruturas de lecer que aumenten a oferta deportiva na zona en beneficio da comunidade.

“En AEESP estamos abertos para traballar con calquera persoa individual, entidade pública ou privada sempre en beneficio da comunidade surfeira, a sustentabilidade da nosa praia e do negocio local”, conclúen.