Gondomar acollerá en 2020 o Congreso Internacional de Ornitoloxía

Os días 8, 9 e 10 de marzo celebrouse no Parque Biolóxico de Gaia-Portugal o XIII Congreso Internacional de Aviornis Ibérica. Máis de 300 afeccionados abarrotaron o auditorio chegados de diferentes países: México, Brasil, India, Arxentina, Estados Unidos, Francia, Holanda, Italia, España e Portugal.

Interviñeron nas conferencias Carlos Aguilar (Hábitat Zoo-México), Nuhacet Fernández Gallardo (veterinario Loro Parque-Tenerife), Pedro Nunes (veterinario especializado en aves-Portugal), Tiago Navico (Wisbroek Res. & Dev. Center-Holanda), Rafael Zamora Padrón (Biólogo, Director Científico de Loro Parque e Loro Parque Fundación-Tenerife), Tony Silva (criador recoñecido mundialmente e escritor de libros de papagaios-Miami), Ángel Muela (Bioloxía-Panamá), Gonçalo George (criador de papagaios e todo tipo de aves-Portugal), Xavier Viader Anfrons (Enxeñeiro en Explotacións Agrícolas-Barcelona) e Debashis Banerjee (Avicultor SunShine BirdWorld-India).

Durante os tres días do congreso, Gaia-Portugal foi o centro de atención ornitolóxico a nivel mundial xa que as conferencias estaban a retransmitirse en directo a diferentes países.

Na clausura do evento anunciouse que o próximo XIV Congreso Internacional de Aviornis Ibérica celebrarase en Gondomar os días 6, 7 e 8 de marzo de 2020, contando coa presenza do Alcalde, Francisco Ferreira, que se desprazou para presentar o vídeo promocional do evento e convidar a todos os asistentes a acudir á Vila Condal o próximo ano.

Afeccionados veciños de Gondomar e os arredores levan celebrando xa catro Xornadas Ornitolóxicas cun gran éxito de participación sempre apoiados e auspiciados polo Concello, “quizais ese foi o maior aval para que Aviornis Ibérica confiase a celebración do próximo congreso a celebrar en Gondomar”, sinalan.

Por tanto, Gondomar será eses días o centro de atención e o lugar de reunión de todos os afeccionados á ornitoloxía a nivel mundial. Espérase a asistencia de máis de 400 persoas chegadas de 17 países.

Anuncios