Gondomar propoñerá bautizar o pavillón de deportes de Donas co nome de Desirée Vila Bargiela

“Dános igual o resultado, xa é a nosa campioa”, así valorou o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, a actuación de Desirée Vila, veciña do municipio, nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2020 na proba de salto de lonxitude T63 na que quedou en sexto lugar. “É todo un exemplo a seguir e nosa mellor embaixadora algo que queremos recoñecer desde este goberno propoñendo que o pavillón municipal de deportes de Donas leve o nome de Desirée Vila”.

A esta proposta sumou o feito de propoñela como madriña da próxima Gala do Deporte “que esperemos poder celebrar con total normalidade xa o ano que vén”. O rexedor desexoulle todos os éxitos que “se merece esta gran persoa, exemplo de superación a seguir” e engadiu que “todos e todas a queremos moito, como proban as máis de 100 persoas que se reuniron hoxe aquí para animala desde a súa localidade”.

Familiares, amigos e representantes do goberno local seguiron desde as 12:00 do mediodía que se retransmitía a través dunha pantalla xigante en directo. Un público que lucía camisetas de apoio deseñadas pola Concellería de Deportes e repartidas entre os asistentes que non se quixeron perder a competición de Desirée.

Unha situación que podería repertirse o vindeiro sábado, coincidindo co paso da Volta Ciclista de España polo municipio, se Desirée Vila logra clasificarse para a final dos 100 metros lisos, que se podería seguir, de novo, nunha pantalla xigante na Praza Paradela a partir das 13:30 horas.