Anuncios
Ticker de novas

Barrientos quedou a centímetros de inaugurar a conta do Vigo-Rías Baixas en Zamora

A primeira vitoria da tempada para o Vigo-Rías Baixas estivo a piques de chegar este sábado no Trofeo Concello de Zamora. Julián Barrientos fíxose coa segunda posición no sprint de cinco corredores que se xogaron o triunfo e no que se impuxo o ruso Lev Gonov (Lokosphinx). A actuación do arxentino tamén recibiu a recompensa do primeiro posto na clasificación da montaña e a cuarta praza da entidade presidida por José Luis Chamorro na táboa por equipos.

Na súa 38ª edición esta clásica zamorana presentaba un novo percorrido de 84 quilómetros e a carreira pouco tivo que ver coa de anteriores edicións. Habitualmente resolta nunha chegada masiva, esta vez os máis fortes marcaron diferenzas. Aproveitando o primeiro porto puntuable da xornada, o Alto de Santa Eufemia (3ª categoría), Barrientos contactou en compañía doutros cinco corredores co tándem que encabezaba ata ese momento a proba.

O ciclista suramericano pasou en segunda posición pola cima de Santa Eufemia e ocupou o mesmo posto máis tarde no porto de Zamora, tamén de 3ª categoría. Chegando a manexar unha diferenza máxima de 1 minuto e 30 segundos respecto ao pelotón, aos sete fuxidos uniuse no tramo final Martín Lestido (Froiz).

Da escapada descolgáronse nos últimos quilómetros Rien Coertjens (Portets) e Eloy Teruel (GSport), mentres que Arnau Solé (Controlpack) sufriu unha avaría mecánica. O grupo de oito reduciuse a un quinteto e o máis rápido no desenlace foi Gonov, con Barrientos mantendo a emoción ata o último metro. O podio completouno Ibón Ruiz (Lizarte) e a 1 segundo dos tres primeiros finalizaron Iván Martínez (Froiz) e o seu compañeiro Lestido, cuarto e quinto respectivamente.

Repetindo a aliñación que asinou a cuarta praza por equipos no Trofeo Concello de Zamora, o Vigo-Rías Baixas disputará este domingo o 72º Trofeo San José, antigo Iberdrola, sobre un percorrido de 160 quilómetros.

Anuncios