
Un home de avanzada idade caeu este xoves ao río Miñor nas proximidades da ponte romana de Mañufe. Unha patrulla da Policía Local de Gondomar acudiu no seu auxilio tras recibir a comunicación do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia ás 10:15 da mañá. Os axentes atoparon ao veciño de Mañufe, de 88 anos de idade, agarrado ás ramas dunha árbore para non ser arrastrado pola corrente, mentres loitaba para tentar escalar e subir por un desnivel vertical duns 4 metros.
Os efectivos policiais lanzáronlle unha corda para aseguralo e coa axuda dos veciños comezaron a subilo fóra da auga. Seguidamente, xunto con efectivos do GES de Val Miñor, cunha escaleira subía pola súa propio pé. Resultou ileso e non foron necesarios coidados médicos nin atención sanitaria. O home manifestaba aos axentes que se atopaba limpando a maleza da leira cunha fouce cando á beira do río o terreo cedeu baixo os seus pés perdendo o equilibrio e caendo ás frías augas do Miñor.