O IEM organiza unha xeira por Monforte e Quiroga

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza os próximos días 6 e 7 de abril a súa Xeira XX Alén Miñor a Monforte e Quiroga, guiada por María Abuín Fernández (Máis que Románico) e Iván Álvarez Merayo (arqueólogo). A saída do autocar será o sábado ás 8:00 da mañá dende a explanada do pavillón de deportes de Gondomar, con regreso previsto para o domingo ás 21:30 horas aproximadamente ao mesmo lugar de partida. Para anotarse á xeira haberá que chamar ao IEM aos teléfonos 986 360 575 ou 627 276 816, de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal. O prezo é de 135 euros para os socios e de 145 para os non socios, incluíndo a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar, as visitas e os guías. A data límite para realizar o pagamento na conta do IEM ES95 2080 5035 0730 4001 4164 é o 25 de marzo

Iniciarase esta visita pola zona alta da Vila de Monforte, no conxunto monumental de San Vicente do Pino. Segundo algúns autores, neste lugar estivo emprazado o Castro Dactonium. Descenderán a pé ata o Campo da Compañía. Polo camiño pasarán pola Porta Nova, unha das entradas da vella muralla medieval, que lles levará ata o casco antigo de Monforte e o seu barrio de ámbito xudeu. Percorrendo estas rúas coñecerán os barrios gremiais e os lugares de tradición xudía. Sairán do recinto amurallado pola Porta da Alcazaba, a máis antiga que se conserva. Baixarán ata achegarse ao cárcere vello. Á beira do cárcere vello atópanse os restos doutra das portas da muralla. Desde aquí seguirán camiñando cara á rúa do Comercio, na que atoparán unha casa con balconada e con moita historia: o antigo hospital da Orde de Santo Antonio. Tamén foi casa consistorial, e na actualidade atópase a oficina municipal de turismo e o Centro do viño da Ribeira Sacra. Moi preto deste lugar atópase unha pequena rúa, na que poderán ver a casa máis estreita de España, recollida no libro Guinnes. A súa fachada ten 1,5 m de ancho.

Cruzarán a Ponte Vella, de orixe romana, e atoparanse coa fachada do Convento das Nais Clarisas (século XVII) fundado polos VII Condes de Lemos, que alberga o segundo Museo de Arte Sacra máis importante de España. A partir de aquí, cruzarán o río Cabe e dedicarán o seu tempo ao Colexio da nosa Señora a Antiga, máis coñecido como Escorial Galego, situado no campo da Compañía. Foi fundado polo cardeal D. Rodrigo de Castro no ano 1593, fillo da III Condesa de Lemos Dona Beatriz de Castro e de Álvaro Osorio.

Este grandioso monumento (110 m de fachada) alberga unha curiosa escaleira monumental, dous claustros renacentistas, a igrexa xesuítica e unha pinacoteca con obras de autores importantes como O Greco.

Pazo de Tor

O Pazo de Tor está situado nunha elevación que lle serve de miradoiro sobre o Val de Lemos na parroquia de San Xoán de Tor, pertencente ao concello de Monforte de Lemos. As orixes do pazo están ligados á liñaxe dos Garza no século XIV. O edificio foi construído no último terzo do século XVIII, aínda que conserva algún vestixio anterior, e foi tamén afectado por algunha reforma posterior (como as reparacións efectuadas tras o seu incendio polas tropas napoleónicas). É encadrable dentro do estilo barroco, de longa persistencia en Galicia, pero xa matizado por certo sentimento estético neoclásico, visible na súa sobriedade, simetría e emprego das ordes clásicas. Os elementos decorativos concéntranse nas fachadas, e a organización interna do edificio diferenza claramente un baixo de servizo que alberga as dependencias necesarias en toda facenda agropecuaria (cocheiras, adegas, cortes, vivenda dos criados e caseiros…) e un primeiro piso reservado a residencia dos donos do pazo. A Deputación Provincial de Lugo acometeu obras de acondicionamento e mellora do edificio, respectando a súa estrutura e distribución, procedendo, xunto co Museo Provincial, á musealización do pazo. No 2006 abre ao público.

Igrexa Románica de San Pedro de Ribasaltas

A igrexa románica de Ribas Altas foi construída no último terzo do século XII. Consérvanse pinturas murais con escenas do xuízo final. Ten unha soa nave e ábsida. A fachada reformouse no século XVIII.

Quiroga

No segundo día terán unha visita onde a paisaxe, a arqueoloxía e a xeoloxía serán os protagonistas. En Margaride explicaranlles os sistemas de explotación que os romanos empregaban en diferentes épocas para extraer o ouro, denominados “cortas de arrastre” ou “cunchas de equilibrio”, tamén verán galerías de explotación e os noiros da mina no monte. Xunto a elas unha ara na metade da parede dunha vivenda. Outra localización a visitar será Montefurado e outras minas máis que hai pola contorna. Tamén será moi atractiva a visita á vila, de arquitectura tradicional serodia. Antes do xantar espéralle o museo xeolóxico de Quiroga, un referente da materia no norte peninsular.

Pola tarde, xa no Concello de Folgoso do Caurel, admirarán desde o miradoiro de Campodoloa o Pregamento deitado de Campodola-Leixazós, declarado monumento nacional en 2012 e punto xeolóxico de interese internacional desde 1983. Despois dirixiranse ao Castro da Torre de Sobredo, xacemento arqueolóxico onde gozarán dunha detallada explicación dun arqueólogo que escavou nel. Para rematar, un lugar máxico lles espera, O Val das Mouras. Paisaxe kárstica esculpida en calcarias cámbricas, das máis antigas do continente. A pedra mestúrase con soutos de castiñeiros e outras frondosas formando unha fermosísima paisaxe.