
O Concello de Nigrán ofrece este venres ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a proxección do documental galego “A viaxe de Ruth”, dos directores Jaime Pardo e Xosé Reigosa, que estarán presentes para un coloquio posterior cos asistentes. A proxección, que se encadra na programación do Concello polo “Mes da Muller”, coincide precisamente coa presenza no Auditorio Municipal ata o 31 de marzo da exposición “Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson”. A fotógrafa tomou durante a súa estancia en Galicia unhas 5.500 imaxes, dunha gran calidade, o que a xuízo de moitos entendidos, non ten parangón con ningún traballo da época.
O documental, de 52 minutos e estreado en Lugo en setembro de 2018, narra as viaxes a Galicia da fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson entre 1924 e 1926 por encargo da Hispanic Society of America, concretamente, na primeira delas desembarca en Vigo acompañada do seu pai, Alfred Theodore, tamén fotógrafo. O traballo trata de rememorar esta viaxe, case 100 anos despois, facendo que un fotógrafo galego, Xosé Reigosa (co-director), percorra algúns dos máis importantes escenarios que ela retratou, tratando onde sexa posible de realizar unha toma similar e comprobando canto cambiou Galicia desde aqueles anos a hoxe. Á parte disto, entrevistan a distintas personalidades do campo da cultura que amplían o coñecemento sobre Ruth Matilda e sobre a Galicia daqueles anos. Tamén se realizan recreacións dos momentos da viaxe coa Asociación Veciñal Liga Santaballesa de Vilalba e a Aula de Teatro do Concello de Sarria.
“A viaxe de Ruth” obtivo o primeiro premio ao mellor documental na Semana Internacional do Cine de Autor en Lugo no 2018, sendo este o único certame ao que, polo momento, se presentou e este é a primeira vez que se proxecta fóra da provincia de Lugo.