A Deputación financia en Baiona o acondicionamento do Camiño dos Eidos por preto de 130.000 €

O deputado de Cooperación, Carlos Font, informou da próxima aprobación, este xoves pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, dun novo investimento para Baiona con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, serán 128.368,69 euros para financiar o proxecto de acondicionamento do camiño Eidos.

Máis polo miúdo, as obras consistirán na rehabilitación do firme e na mellora de diferentes tramos de drenaxe do camiño. Esa nova rede prevista comporase de cunetas, colectores, sumidoiros e reixas que recollerán a auga procedente das precipitacións para conducila a outros caudais. Tamén se acondicionará unha zona de entretemento situada nunha das marxes da vía na que se acometerán melloras nas condicións estéticas da área.

Así, haberá un pavimentado de calzada de pedra, a incorporación de xardineiras, a delimitación con pasamáns, o acondicionamento e protección das marxes do regato, así como a incorporación de elementos bio-saudables, dunha fonte, de bancos, de papeleiras e de balizas LED.

Anuncios