Gondomar pon en marcha unha campaña de trampeo contra a vespa asiática

O Concello de Gondomar lanza unha campaña de trampeo contra a vespa asiática (velutina), coa entrega a apicultores e interesados dunha trampa debidamente homologada e con líquido atraínte para a captura das avespas. A entrega será mañá na Xefatura da Policía Local desde as 19:00 ata as 21:00 horas, onde o equipo de expertos voluntarios que levan traballando no Concello contra esta praga informará detalladamente sobre como utilizar o trampeo e que medidas adoptar ante a visualización e localización de niños, etc.

“Só o ano pasado este equipo coa axuda de medios facilitados polo propio Concello retiraron en Gondomar máis de 200 niños de velutinas e no que vai de ano levan máis de 70, ademais de actuar en domicilios privados na retirada de avespas no interior de vivendas, balcóns, cornixas, etc…, o que teñen máis que gañado e recoñecido o mérito de todos os gondomareños e o meu propio”, sinala o alcalde, Paco Ferreira

Con esta campaña de trampeo e charla informativa de como utilizalas e como actuar ante esta praga a organización quere dar un paso máis aló na loita contra este insecto que tantos quebradizos de cabeza leva dando aos apicultores da zona e tantas alertas veciñais produce. “Que mellor que cada apicultor teña unha trampa e cóidea, ou que cada veciño teña outra e saiba utilizala ou producir o atraínte caseiro e que pode producir inocuamente na súa casa sen perigo, utilizando cervexa, viño, azucre e zume de arandos”, engade Ferreira.

“Entre todos temos que sumar esforzos e erradicar do noso territorio un insecto nada autóctono e destrutivo como a avespa velutina, para iso é primordial a implicación cidadá, pero sobre todo a implicación prioritariamente das administracións públicas destinándose recursos económicos, materiais e humanos para loitar contra esta praga, cousa que desgraciadamente as administracións supramunicipais creo, sinceramente que non están a facer, e son os Concellos, unha vez máis, os que teñen que asumir competencias que recaen na Xunta de Galicia. O meu máis sincero agradecemento a estes loitadores incansables que diariamente están a facer un traballo altruistamente e un labor anónimo e pouco recoñecida”, conclúe o alcalde de Gondomar.