A Guía Michelín recoñece un ano máis ao restaurante Paco Durán de Baiona

O restaurante Paco Durán de Baiona acaba de obter outro ano máis unha das distincións que outorga a Guía Michelín e que son sinónimo de calidade en toda a súa oferta gastronómica. Así pois, o da vila mariñeira mantén o recoñecemento “Bib Gourmand”, que indica que o establecemento goza da mellor relación calidade-prezo da zona, segundo os inspectores da guía, cun menú de entre 22 e 47 euros. Está en pleno monte e atesoura unhas vistas incribles, tanto a Baiona como á ría. Na súa sala, totalmente acristalada, ofrecen a cociña tradicional galega vertebrada ao redor dos peixes e mariscos destas costas, pero tamén con carnes á grella.