Anuncios
Ticker de novas

A forza do surf feminino deixouse ver esta fin de semana en Patos

FOTO: FERNANDO GARCÍA MARTÍNEZ // Martina Álvarez.

A pasada fin de semana celebrouse na Praia de Patos (Nigrán) a primeira proba do ano do Circuíto Galego Júnior FGS 2019. Unha fin de semana chea de bo ambiente e onde se deixou ver a forza do surf feminino, xa que por primeira vez o número de mozas inscritas en Sub 16 superou aos inscritos en categoría masculina. Despois de dúas fins de semana esperando ás condicións óptimas do mar, o pasado 9 e 10 de marzo por fin púidose celebrar a primeira proba do campionato do Circuíto Galego Júnior FGS 2019, no que competiron mozas e mozos de toda Galicia en diferentes categorías de surf e bodyboard.

O sábado houbo que esperar a que a marea subise para que o nivel da onda empezase a aumentar. A pesar da espera, púidose gozar dun gran nivel nas categorías Sub 12 mixto, Sub 14 feminino e masculino. A vitoria entre os máis pequenos foi para Mateo Vázquez e Kenia López en primeira e segunda posición respectivamente. En categoría Sub 14 masculino subíronse ao podio Martín Fernández e Iván Rodríguez. Na categoría feminina Sub 14 a vitoria foi para a ferrolá de 13 anos Martina Álvarez do equipo Prado Surf, que xa en 2018 proclamouse campioa absoluta deste campionato. Kenia López obtivo o segundo posto nesta categoría.

Na xornada do domingo púidose gozar de moi boas ondas e dun alto nivel por parte de participantes nas categorías Sub 16 feminino e masculino e Sub 16 bodyboard masculino. Como adiantamos ao principio, a categoría Sub 16 feminino foi a categoría con máis inscritos, proba de que as mulleres pisan cada vez con máis forza neste deporte. De novo Martina Álvarez fíxose co primeiro posto, o segundo e terceiro posto recaeron en Paula Toja e Erika Lago (Prado Surf Club) respectivamente. Na categoría masculina Sebastián Bamonde e Alejo Ferreiro do equipo Prado Surf fixéronse co primeiro e terceiro posto respectivamente, o segundo posto foi para Jorge Suárez. En Bodyboard Sub 16 masculino o primeiro posto foi para Unai Ameneiros.

A proba organizouse conxuntamente entre a Federación Galega de Surf, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán, en colaboración coa tenda Waira Surf que entregou os premios aos gañadores. Os participantes contaron co apoio de familia, amigos e afeccionados que desde a praia gozaron de dous días de campionato. A seguinte proba terá lugar en abril en Bastiagueiro (Oleiros, A Coruña), as datas dependerán das condicións do mar.

Anuncios