Daniel Pazó resultou este domingo vencedor da II Edición do Trail Adventure Muíños do Folón celebrado no Rosal, con boa temperatura e moito ambiente. O baionés foi un dos máis de 200 inscritos na modalidade Advance, completando 21 quilómetros de percorrido.
Moi pronto se empezaron a colocar os favoritos na cabeza. Pazó, do Club Atletismo Baiona, e Marcos Fernández, do Club La Gramola. Por detrás Fran Salgueiro do Corredeiras Trail. A eles e a todos esperáballes unha segunda parte de carreira, de subida a San Xiao, tremendamente esixente, ideal para os amantes do bo trail.
A sorpresa para todos é que cando se esperaba un man a man final entre Daniel e Marcos, os dous, previa conversación, decidían entrar xuntos da man na liña de meta. O crono daba por vencedor ao baionés, sendo segundo o ourensán de Ponte Liñares, ambos cun rexistro de 1.53.54. O podio completábao Fran Salgueiro con 1.56.28.

