Concello de Nigrán e Aqualia levan o abastecemento de auga ao Centro Juan María

O Concello de Nigrán e Aqualia iniciaron esta semana as obras para conectar o Centro de Educación Especial Juan María de Parada ao abastecemento público. A obra, cun investimento de 10.000 a cargo do Concello e de Aqualia, permitirá ao fin levar a auga a este centro aberto hai 35 anos e que atende actualmente a 105 persoas con discapacidade intelectual e dá traballo de preto de 40 profesionais.

«Dende a súa apertura carecían do servizo, fornecéndose mediante pozos e con moitos problemas nos momentos de seca, era unha débeda histórica con este centro que tanto traballo fai polas persoas e familias con discapacidade», sinala o alcalde, Juan González.

A conexión, que estará lista na vindeira semana, consiste na apertura de gabias ao longo de 200 metros (a cargo do Concello) e na instalación de colectores (a cargo de Aqualia). O abastecemento municipal é posible grazas ao investimento do Concello de Nigrán de 475.000 euros para levar a auga a contorna da Carrasca, Laxe, Tinde ou Igrexa, onde preto de mil veciños se viron beneficiados. A obra, rematada o ano pasado, permitiu ampliar a rede mediante a instalación dunha nova condución que conecta a rede existente no parque empresarial Porto do Molle, a través dun bombeo, cun novo depósito de regulación de 500 m3 que foi situado no monte Eiró, e dende onde se dá servizo ás vivendas da zona. Por outra banda, na zona da Carrasca onde xa estaba instalada a tubaxe de impulsión e de distribución dende hai anos e que carecía de presión suficiente para levar a auga, agora viu este problema arranxado. Deste xeito, a vindeira semana distribuiranse carteis informativos para que os veciños que o desexen realicen na oficina de Aqualia a solicitude para realizar a acometida de auga a súa vivenda.

Esta obra considerada prioritaria para o goberno sufriu diferentes retrasos tras ter que asumir o Concello o custo das obras con cargo ao remanente de Tesourería despois de que a Xunta revogase unilateralmente o convenio no 2015 e en contra de toda a corporación. Posteriormente a Dirección Xeral de Patrimonio esixiu un control arqueolóxico na zona do depósito do monte Eiró que obrigou a paralizar a obra durante meses.

Anuncios