Nigrán Decide presenta unha moción solicitando a elaboración do terceiro plan de igualdade do Concello de Nigrán. Deberá ser elaborado a partir dunha avaliación do anterior plan, tendo en conta as conclusións que aporte a diagnose sobre a situación de mulleres e homes en Nigrán, seguindo unha metodoloxía participativa, debendo ter entre o seus principais obxectivos a erradicación da violencia de xénero, así como as desigualades existentes entre homes e mulleres en todas as súas vertentes.
O terceiro plan de igualdade de Nigrán deberá servir para diminuír a brecha entre homes e mulleres en aspectos como a participación, o emprego, a formación ou a corresponsabilidade e a concienciación. Para Nigrán Decide este plan deberá evitar a consideración de metas demasiado amplas que non sexan factibles na realidade de Nigrán, deberá ser aberto e flexible para permitir axustarse á realidade en función das necesidades e novas posibilidades que poidan xurdir, e dinámico para que poida someterse aos cambios necesarios para adaptarse ás necesidades locais do momento.
Nigrán xa tivo dous plans de igualdade, o primeiro executouse durante os anos 2005 e 2006 e o segundo foi aprobado para os anos 2011 a 2014, non sendo obxecto de ningún seguimento e avaliación.
“Se ben desde Nigrán, especialmente desde o Centro de Información á Muller, fanse múltiples actividades, consideramos que estas deben estar incluídas nunha planificación para conseguir uns obxectivos, polo que a aprobación do terceiro plan de igualdade deberá estar acompañado das dotacións orzamentarias necesarias para poder executalo e para que poida ser obxecto de seguimento e avaliación”, sinala José Cuevas.
O voceiro de Nigrán Decide tamén indica que “o terceiro plan de igualdade deberá ser ambicioso e o suficientemente realista para que poida ser realizado, polo que deberá establecer uns obxectivos que se poidan alcanzar. Non se trata de facer un plan espectacular para sacarse unha foto ou facer un anuncio, para que despois quede esquecido nun caixón”.

