Dentro da campaña de intensificación que vén realizando a Garda Civil sobre o consumo de substancias psicoactivas na rede viaria da provincia de Pontevedra, a pasada fin de semana o Subsector de Tráfico de Pontevedra levou a cabo un dispositivo especial de control en Baiona con motivo da tradicional “Festa da Arribada 2019”.
No marco deste operativo preventivo de seguridade viaria realizáronse 1.118 probas para a detección de alcol e drogas co resultado de 80 condutores que superaron os niveis máximos establecidos: 73 deron positivo en alcol e 7 en drogas.
A maior parte dos condutores que deron positivo en alcol son homes en idades comprendidos entre os 18 e os 24 anos. Algo máis do 90%, concretamente 66, detectáronse en controis preventivos; 5 localizáronse con ocasión de infraccións e 2 con motivo de accidente de circulación.
Nos controis de drogas destacar que 4 dos 7 condutores denunciados deron positivo en catro substancias estupefacientes.
Dentro da mesma orde de actuacións, sobresae a incidencia que protagonizou un condutor, de 30 anos, veciño de Porto (Portugal), que foi detectado o día 2, ás 3:30 horas, na Ramallosa cunha alcoholemia positiva de 0,48 mg/l e catro horas despois (7:30) foi interceptado novamente a poucos quilómetros do mesmo punto, cando se dirixía a Vigo, nesta ocasión cunha taxa de 0,63 mg/l.
Outro dos varios incidentes que se produciron durante as festas ocorreu o día 3 de marzo, ás 3:00 horas da madrugada, cando se neutralizou o intento de fuga dun condutor que pretendía saltarse un control. Este usuario deu positivo o alcol (0,65 mg/l), tamén en drogas (cocaína e anfetaminas) e ademais carecía de permiso de conducir por perda total de puntos. Neste caso concreto instruíronselle dilixencias penais que se remitiron ao Xogado de Instrución de garda en Vigo.
Dentro do mesmo operativo especial de prevención, que se fixo extensivo á práctica totalidade das vías de acceso a localidade de Baiona e a súa área de influencia, formuláronse, ademais, 82 denuncias á regulamentación de circulación e seguridade viaria: máis da metade (44) por excesos de velocidade, 13 por exceso de pasaxeiros, 12 por utilizar placas de matrícula non homologadas, 8 por non utilizar o cinto de seguridade, 3 por carecer do permiso de conducir e 2 por non respectar a distancia de seguridade entre vehículos.

