O punto informativo contra a violencia sexual da Arribada informou a máis de 3.400 persoas

A campaña “Agresión Off. Eu Digo Non á Violencia Sexual” incluíu un punto informativo situado na rúa Elduayen durante a celebración da Festa da Arribada con dúas informadoras e catro educadoras de rúa que percorreron o casco antigo e a zona de lecer nocturno á que acode a mocidade. Esta dinamización tivo lugar o venres 1 de marzo desde as 20:00 ata as 2:00 horas; o sábado 2 desde as 20:00 ata as 3:00 horas e o domingo día 3 de marzo desde as 16:00 horas ata as 20:00 horas.

Proporcionouse información a un total de 3.440 persoas das cales 1.933 foron mulleres, o que representou o 56%, e 1.507 homes (44%). Do total de persoas informadas, o 83% foron menores de 30 anos, colectivo prioritario destinatario da campaña.

A información virou ao redor de que é unha agresión sexista, tipoloxía, pautas de actuación ante unha agresión sexista, programa específico para mulleres que sufriron agresións sexuais, teléfonos de interese… Esta información foi complementada con folletos específicos para mulleres “Eu son libre. Eu decido” e para homes ” Eu respecto. Se non é SI… é NON” nos que se estableceron pautas diferenciadas de acción; e merchandising específico para a campaña co obxectivo de visibilizar a mesma (mochilas, imáns, pulseiras etc).

Participaron activamente na difusión da campaña máis de 40 establecementos de restauración, exhibindo o material gráfico en lugares visibles dos mesmos, destacando a cartelería exposta nos cuartos de baño con mensaxes específicas para homes e mulleres.

Sumáronse á iniciativa as navieiras Mar de Ons e Piratas de Nabia, difundindo o material divulgativo nos barcos que achegaron aos e ás visitantes á Arribada, nos despachos de billetes de venda e a través das redes sociais. Da mesma maneira a Asociación de Taxistas de Baiona e as empresas de transportes GALISUR e ATSA, exhibiron nos seus vehículos a información dá a campaña.

O alcalde de Baiona destaca a boa aceptación que tivo a campaña entre os e as visitantes durante a festa e sobre todo a implicación da mocidade, e das entidades e establecementos que colaboraron na súa difusión.

2019-03-07 - EDUCADORAS DE CALLE DE LA CAMPAÑA

Anuncios