As mulleres do goberno da Deputación súmanse este venres á folga de 24 horas do 8M

As dependencias e as axendas do goberno da Deputación no Pazo Provincial de Pontevedra estarán valeiras de mulleres este venres 8 de marzo, xa que tanto a presidenta Carmela Silva, como as deputadas e as mulleres dos gabinetes secundarán a folga feminista de 24 horas, á que animan a participar a todas as traballadoras da institución. Os únicos actos nos que van a participar será, como en anos anteriores, na concentración convocada ás 11.00 horas no hall do Pazo Provincial na que terá lugar a lectura do Manifesto, e nas mobilizacións convocadas en Pontevedra e Vigo, amais doutras localidades da provincia. Precisamente o Pazo tinguirase de cor violeta desde a noite deste xoves ata o próximo domingo.

A presidenta da Deputación sinalou que “se o 8 de marzo do 2018 xa supuxo un día histórico no que as reivindicacións das mulleres encheron as rúas de todo o mundo, estou convencida de este ano aínda superaremos aquelas expectativas porque, amais, considero que agora mesmo temos máis razóns que nunca para volver a berrar que esta sociedade non será decente nin xusta se o 52% da poboación segue a estar infrarepresentada”. Silva recordou que “a folga de este venres é de 24 horas e se trata dunha folga de mulleres. Os homes deben acompañarnos nas mobilizacións porque estamos ante unha batalla de todas e de todos, pero a folga a temos que facer nós, e para que iso sexa posible eles deben ocuparse de traballar e de encargarse dos coidados que nós temos que facer cada día”.

Silva fixo un chamamento a participar na folga a todas as traballadoras da Deputación e de toda a provincia de Pontevedra. “Isto ten que ver con todas as mulleres, veñan de onde veñan e pensen como pensen. Xogámonos se queremos vivir nun mundo onde teñamos os mesmos dereitos, ou nunha sociedade onde as mulleres vivimos rodeadas de discriminacións, violencias e desigualdades”.

A presidenta rematou dicindo que “as nosas nais, as nosas fillas, as nosas netas, todas as mulleres temos dereito a vivir nun mundo no que teñamos as mesmas oportunidades e a vivir en espazos libres de agresións. Por todo iso temos que ir á folga e estou segura que a inmensa maioría dos homes apoiarán as nosas reivindicacións porque iso supón apoiar unha sociedade mellor”.

Anuncios