Na mañá deste xoves apareceu varado en Praia América un arroaz boto, Grampus Griseus, de 2,74 metros de lonxitude. Trátase dun adolescente que leva morto xa máis dunha semana. Segundo informan desde a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, que se desprazou ata o lugar para tomar mostras e tratar de pescudar a causa de morte, era un animal san e que se interrompeu a súa vida de súpeto. “O avanzado estado de descomposición non nos permitiu ver máis indicios sobre a causa da morte”, afirman.
Na Praia de Patos apareceu tamén esta mañá un golfiño común, Delphinus Delphis, en avanzado estado de descomposición. Trátase dun macho xuvenil de 1,70 metros de lonxitude, que fai o número 120 de varamentos no que vai de ano en toda a costa galega. Desde o CEMMA deron aviso ao Concello de Nigrán e está pendente de que mañá sexan retirados.


