Nigrán abre o mes da muller coa exposición fotográfica de Ruth Matilda Anderson

O Concello de Nigrán abre mañá xoves 7 de marzo os actos do Día da Muller coa inauguración ás 12:00 horas no Auditorio Municipal da exposición “Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson”, acto aberto a toda a veciñanza e que constará dunha visita guiada. A exposición, froito dun convenio de colaboración entre Concello de Nigrán, Abanca, Hispanic Society e Afundación, recolle algunhas das imaxes máis señeiras tomadas pola fotógrafa e investigadora estadounidense Ruth Matilda Anderson nas súas dúas extensas expedicións a Galicia entre 1924-1926 encargadas dende a Hispanic Society of America. Esta mostra, aberta ata o 31 de marzo (de luns a venres de 11:00 a 13:00 e xoves, venres e sábados de 17:00 a 20:00), presta especial atención ás imaxes que tomou nas súas viaxes polo Val Miñor.

Ao día seguinte, venres 8 e Día da Muller, o goberno de Nigrán fai un chamamento á veciñanza a que acuda á concentración na Ramallosa ás 13:00 horas, para o que convoca a unha saída conxunta ás 11:50 dende a Praza do Concello.

As actividades pola conmemoración do Día da Muller continuarán todos os venres. O día 15 proxectarase o documental galego “A viaxe de Ruth”, da asociación Dous punto Oito. Este trata de rememorar a viaxe de Ruth Matilda facendo que un fotógrafo galego, Xosé Reigosa, percorra algúns dos máis importantes escenarios que Ruth fotografou, tratando onde sexa posible de realizar unha toma similar e comprobando cuanto cambiou Galicia dende aqueles anos a hoxe. Paralelamente, e como homenaxe a Ruth Matilda, o Concello recompilará ata o 31 de marzo imaxes anteriores a 1970 nas que as protagonistas sexan mulleres do municipio co obxectivo de organizar posteriormente unha exposición con todo o material. As imaxes poden enviarse por mensaxe privada ao facebook ConcelloDeNigrán ou ao correo comunicacion@nigran.org indicando os datos de que se dispoñan (nome da muller/es, data e lugar da foto e actividade que está a realizar) ou ben acudindo coa mesma á Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán (de 9:00 a 14:00 horas) para que sexa escaneada e entregada ao propietario no momento.

O Cineclub Alice Guy dedicará o xoves 21 de marzo a proxección da película “La ciénaga”, un flime escrito e dirixido pola arxentina Lucrecia Martel e protagonizado por mulleres. Ao día seguinte, xoves 22, o cineclub ofrecerá un documental sobre as mulleres na industria conserveira dos anos 20.

O mes da muller finalizará o venres 29 coa proxección de dúas curtametraxes coa muller como eixo vertebrador, “Matria”, do vigués Álvaro Gago e premio do xurado en Sundance 2019, e “Mamasunción” (Chano Piñeiro, 1984).