O Concello de Nigrán organiza o 20 de abril a súa primeira Gala do Deporte, estando aberto ata o 15 de marzo o prazo para presentar candidaturas ás distintas categorías establecidas nas propias bases (que prestan especial atención ao deporte inclusivo). O obxectivo do Concello é premiar aos clubs ou entidades deportivas do municipio e deportistas individuais polos éxitos obtidos, así coma tamén pola súa traxectoria. «Recoñecer o traballo, constancia e esforzo que realizan para acadar os seus obxectivos é moi importante, esta gala quere imprimir neles unha dose extra de motivación e incentivar entre a veciñanza, e nos máis pequenos en particular, a práctica de deporte», explica o alcalde, Juan González.
Poden presentarse aos premios os deportistas pertencentes aos clubs ou entidades deportivas legalmente constituídos e inscritos no Rexistro de Entidades Asociativas Deportivas como Club Deportivo e os deportistas individuais empadroados no municipio con logros deportivos. As candidaturas poden ser presentadas por calquera entidade deportiva, club, asociación ou deportista individual (en sobre pechado por Rexistro) así coma a proposta do xurado. As categorías son:
- PREMIO AO MELLOR DEPORTISTA REVELACIÓN MASCULINO
- PREMIO Á MELLOR DEPORTISTA REVELACIÓN FEMININA
- PREMIO AO MELLOR DEPORTISTA MASCULINO
- PREMIO Á MELLOR DEPORTISTA FEMININA
- PREMIO AO MELLOR DEPORTISTA DE DEPORTE INCLUSIVO MASCULINO
- PREMIO Á MELLOR DEPORTISTA DE DEPORTE INCLUSIVO FEMININA
- PREMIO AO MELLOR CLUB OU ENTIDADE DEPORTIVA
- PREMIO AO MELLOR CLUB DE DEPORTE INCLUSIVO
- PREMIO AO PATROCINIO E COLABORACIÓN CO DEPORTE
- PREMIO Á TRAXECTORIA DEPORTIVA
- PREMIO AO MELLOR EVENTO DO ANO
- PREMIOS AOS VALORES DEPORTIVOS (MENCIÓNS ESPECIAIS)

