Anuncios
Ticker de novas

A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa en todo o litoral galego

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Ondas na Concheira.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa en todo o litoral galego.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o nivel laranxa comezará ao redor das 14:00 horas da tarde no litoral da provincia da Coruña con vento do Sur- Suroeste, de forza 8, que se estenderá á costa de Lugo e pola tarde ao litoral de Pontevedra, onde pode acadar forza 9 pola noite. Mañá, en torno ás 15:00 horas, espérase mar combinada do Oeste, con ondas de 5 a 6 metros nos litorais da Coruña e Pontevedra e vento do Noroeste de forza 8.

Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestas contornas, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotores, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios