David Regades, secretario xeral dos socialistas da provincia de Pontevedra, deu o venres conta ante a Comisión Executiva Provincial dos avances nas configuracións das listas tanto de cara ás eleccións xerais como para as municipais e europeas.
“O PSdeG segue traballando a reo para presentar as mellores candidaturas á veciñanza da provincia”, asegurou Regades, quen anunciou que ambos procesos estarán finalizados a mediados de mes. “É un momento decisivo para o PSOE”, afirmou o secretario xeral, que ve ao PP en horas baixas “dando por perdidos a maioría dos concellos da provincia e a Deputación”. “Temos moita ilusión, moito entusiasmo, e imos ser primeira forza nas municipais e tamén nas xerais”, sinalou con rotundidade.
Serán as e os militantes socialistas quen nas súas asembleas votarán ás diferentes persoas que queren que integren a lista, nun proceso que o secretario xeral cualificou de “transparente e participativo, sinais de identidade deste partido”. Unha vez recibidas as propostas das diferentes agrupacións, a dirección provincial elaborará unha lista que someterá ao referendo do Comité Provincial previsto para a mañá do próximo sábado 9 de marzo.
No caso das candidaturas para os concellos da provincia, das que xa están pechadas “máis do 60%”, o proceso finalizará o domingo 17, cando o Comité Provincial referende as propostas elevadas desde as diferentes agrupacións locais. En ambos casos as listas serán enviadas ao Comité Federal de listas, máxima autoridade competente na materia, para a súa aprobación final.
“Estou seguro de que entre todas e todos os militantes conseguiremos artellar unhas candidaturas fortes que contribúan á vitoria do PSOE o próximo 28 de abril”, sinalou Regades.
Actos de campaña
Por outra banda, o máximo dirixente provincial deu a coñecer os Mércores de Programa, “actos de carácter sectorial que se celebrarán en diferentes concellos de Pontevedra” que terán lugar durante o mes de marzo e primeira semana de abril.
Abertos á cidadanía, a fin destes encontros é “achegar o Partido Socialista á sociedade e falar dos temas que verdadeiramente preocupan” aos pontevedreses, tal e como sinalou Regades. O primeiro deles terá lugar o na Estrada e tratará sobre Política Industrial. Nas seguintes semanas os temas a tratar serán: Compromiso Social, en Meis; Mobilidade Sostible, en Marín; Medio Ambiente, en Mos; e Turismo, que terá lugar en Sanxenxo; e outros dous de Medio Rural e Sanidade, no Deza e na cidade de Pontevedra
Ademais, Regades tamén anunciou a celebración dun gran acto sobre feminismo protagonizado polas mulleres candidatas e integrantes das listas dos concellos da provincia. O acto terá lugar en Cambados a primeira fin de semana de maio, e nel as socialistas farán unha defensa dos avances sociais acadados en España, “sempre da man das socialistas”.
Agradecementos aos cargos saíntes
O secretario xeral aproveitou a ocasión para agradecer “as compañeiras e compañeiros á súa labor tanto no Congreso, como no Senado e no Parlamento Europeo”. Regades fixo especial fincapé no eurodiputado José Blanco, “en quen a provincia de Pontevedra, desde o partido ata o tecido social e económico, atopou sempre un respaldo e un apoio”.
A Comisión Executiva Provincial tivo tamén un momento para o recordo do compañeiro José Luis González, histórico militante socialista de Marín falecido recentemente.

