A Xunta anuncia melloras na PO-552 na contorna da Ponte da Ramallosa

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata o municipio de Baiona para anunciar o inicio das obras de mellora na PO-552 na contorna da Ponte da Ramallosa. Segundo informou, o proxecto conta cun presuposto base de licitación de 30.100 euros e un prazo de execución de dous meses co obxectivo de que a obra estea rematada antes do inicio do verán.

Os traballos centraranse nun tramo de 110 metros de lonxitude, onde a Axencia Galega de Infraestruturas detectou que é necesario executar unha serie de actuacións para mellorar a seguridade viaria. Neste senso, o representante autonómico recordou que a zona soporta un importante tráfico peonil que require extremar as medidas de seguridade viaria reducindo a velocidade e dotando de continuidade e dimensións adecuadas ao itinerario existente.

Parte das obras discorren polo termo municipal de Nigrán, se ben o groso das mesmas atópanse en Baiona, municipio que solicitou a actuación.

A intervención consistirá na ampliación da beirarrúa existente ata un ancho de 1,80 metros, mediante a instalación dun novo bordo e unha soleira de formigón no sobreancho. Asemade, contémplase o borrado da sinalización existente e a súa reposición adaptada á nova sección viaria.

Por último, mediante a demolición do bordo central, executarase un novo paso peonil de acceso ao paseo, novas baldosas con botóns, sinalización horizontal e vertical de paso de peóns con pulsador.

López-Chaves, quen estivo acompañado durante a visita polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e os concelleiros de Infraestruturas e Accesibilidade, Jose Ángel Bahamonde e Policarpo Vilar, lembrou que estes traballos incidirán na seguridade viaria ao tempo que favorecerán os desprazamentos cotiás dos veciños e incrementarán a súa seguridade.

Anuncios