Piden que se aclare publicamente a titularidade do coñecido como “Aparcadoiro de Entre Hortas”

O grupo local de Cidadáns en Baiona presentou un escrito no Concello solicitando coñecer a quen pertence o denominado comunmente como “Aparcadoiro de Entre Hortas”.

O portavoz de Cidadáns (Cs) Baiona, Adolfo Valverde, mostra a súa sorpresa e desconcerto ante o que está a suceder con este aparcadoiro, xa que, tal e como explica, “os veciños observamos con perplexidade como o aparcadoiro era pechado ao público con cadeas e sinalizábase como propiedade de carácter exclusivamente privado”.

“Este terreo, foi unha cesión, que non se chegou a materializar en escritura pública, razón pola cal nunca chegou a ser municipal”, sinala o portavoz local de Cidadáns, quen indica ademais que “a pesar disto, o Concello fíxose cargo de formigonalo hai uns meses”. Valverde segue explicando que “tras pasar un tempo embargada por unha entidade financeira, esta foi adquirida por un veciño para o seu uso e desfrute”.

“Non entendemos os motivos que levaron ao consistorio municipal a tomar a decisión de formigonar un espazo do que non era titular, e por iso, desde esta formación presentamos un escrito no Concello pedindo que se aclaren as razóns polas que se procedeu a cementar a parcela e tamén a titularidade da mesma”, explica Valverde.

Anuncios