Anuncios
Ticker de novas

Baiona traslada ao Parador os actos oficiais da Festa da Arribada

O Parador Conde de Gondomar de Baiona acollerá este venres os actos oficiais do 526 aniversario e de apertura da Festa da Arribada coa presenza do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Así, ás 17:45 horas, levarase a cabo a recepción de autoridades e invitados e ás 18:00 horas, no Salón Medieval, chegará a quenda de intervencións. Posteriormente será o momento da homenaxe ao capitán da carabela Pinta coa ofrenda de coroas e a interpretación de himnos, para finalizar cos disparos de salvas polos canóns da Fortaleza.

Pola mañá, ás 12:00 do mediodía, na Igrexa de Santa María de Baiona haberá unha Misa Solemne cantada polo Coro Parroquial e acto seguido a Ofrenda de Coroas ante a Cruz de Evanxelización de América. Ás 13:00 horas, o Salón de Plenos do Concello acollerá o acto de conmemoración do X aniversario do irmandamento con Vila do Bispo.

Ás 20:00 horas, a Praia Ribeira acollerá o espectáculo “Presaxio”, no que o druída Haemus anuncia aos habitantes de Baiona a súa predición: a inminente chegada dun navío cunha noticia que cambiará o seu mundo para sempre. Cumpríndose co vaticinio, a carabela Pinta chega ao porto de Baiona coa boa nova do descubrimento de América.

Xa o sábado, ás 11:30 horas, no Paseo Ribeira, haberá unha visita ás paradas dos pobos irmáns: Palos de la Frontera, Santa Fe, Pornic, Vila do Bispo e Baiona, e ás 12:00 horas celebrarase o Gran Desfile Medieval polo Real Mercado coa participación de toda a animación da Festa da Arribada.

O resto da programación mantense sen ningún cambio, aínda que segundo as previsións meteorolóxicas haberá choivas ocasionais.

Anuncios